Ir o contido principal

O Instituto de Dereito Industrial pecha este luns a preinscrición no VIII Curso de especialización en Patentes, marcas, dereito de autor e competencia

O Instituto de Dereito Industrial da Universidade de Santiago organiza a oitava edición do seu Curso de Especialización en Patentes, Marcas, Dereito de autor e Competencia no que, entre os meses de xaneiro e xuño de 2006, se ofrecerá unha visión exhaustiva desta parcela do Dereito tanto no ámbito estatal coma no internacional. O prazo de preinscrición permanece aberto ata o vindeiro luns, 12 de novembro.
As clases, dirixidas a licenciados universitarios, impartiranse de luns a venres en horario de tarde, comezando o 8 de xaneiro e rematando o 31 de marzo. A formación teórica completarase ademais coa elaboración obrigatoria dun traballo de investigación que optará a un premio patrocinado por Clarke, Modet & Co. e dotado de 1.500 euros. Precisamente, Clarke, Modet & Co. ofrece, ao remate do curso, unha serie de bolsas para a realización de prácticas remuneradas nas súas oficinas de Compostela, Bos Aires, Bogotá, México D.F., Río de Xaneiro, Chile, Caracas e Lisboa. Para maior información poden dirixirse á secretaría do curso a través do correo electrónico idisec [at] usc.es (idisec[at]usc[dot]es).
Ao longo do curso, dirixido polos profesores Ángel Fernández-Albor e Javier Framiñán, os alumnos adquirirán coñecementos estruturados en seis módulos que comezarán cunhas nocións preliminares para logo afondar no Dereito de patentes; de marcas e outros signos distintivos; de autor e afíns; da competencia desleal e da publicidade; e de defensa da competencia. O claustro docente confórmano catedráticos e profesores titulares das Universidades de Santiago de Compostela, Vigo, A Coruña, Alcalá de Henares e Complutense de Madrid.
O Instituto de Dereito Industrial da USCO Instituto de Dereito Industrial da Universidade de Santiago (Idius), comezou a súa andadura en 1974 como centro de investigación, formación e promoción da propiedade industrial, intelectual e Dereito da competencia, impulsado polo catedrático Carlos Fernández-Nóvoa. Na actualidade o Instituto, con sede na área de Dereito Mercantil da Facultade de Dereito da USC, está dirixido polo catedrático de Dereito Mercantil Ángel Fernández-Albor.
O Idius, que integra a profesores e investigadores especialistas na materia pertencentes á Universidade de Santiago e a outras de España, ten consolidado o seu prestixio a nivel nacional e internacional, sendo hoxe centro de referencia para investigadores de todo o mundo.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 09.11.2007.