O Instituto de Dereito Industrial da USC organiza un curso sobre patentes, marcas e dereitos de autor
O Instituto de Dereito Industrial da USC organiza o Curso de especialización en Patentes, Marcas, Dereitos de autor e Competencia co propósito de ofrecer unha sólida formación nestas materias tanto no eido nacional como internacional.
Cun total 160 horas lectivas impartidas en horario de tarde, as clases complementaranse coa elaboración obrigatoria dun traballo dirixido por un profesor do curso. O Instituto de Dereito Industrial escollerá a mellor das investigacións que será premiada con 1.500 euros.
Para obter o título, os alumnos tamén deberán presentarse a un exame final e realizar prácticas laborais de tres e seis meses de duración. Poderán ser remuneradas e terán lugar en oficinas de Santiago de Compostela, Bos Aires, Bogotá, México D. F., Río de Janeiro, Chile, Caracas e Lisboa. O curso, cuxo prazo de pre inscrición abre o vindeiro 3 de setembro, conta coa colaboración da empresa Clarke, Modet and Co.