Ir o contido principal

O Instituto da Lingua Galega constituíu o seu Foro Social

O Foro Social constituíuse este martes presidido pola directora do ILG, Elisa Fernández Rei. Foto: ILG
O Foro Social constituíuse este martes presidido pola directora do ILG, Elisa Fernández Rei. Foto: ILG
Formado por 12 membros de entidades de distinta índole, este órgano de asesoramento externo guiará o ILG na escolla de asuntos de interese para a súa actividade

O Instituto da Lingua Galega (ILG) da USC vén de constituír o seu Foro Social, órgano de asesoramento externo no que participan 12 membros de entidades públicas e privadas dos ámbitos educativo, cultural, editorial, dos medios de comunicación, da investigación e empresarial, entre outros.

O Foro terá como principais cometidos debater as tendencias e cambios nas demandas sociais que resulten de interese para o desenvolvemento das actividades de investigación, difusión e transferencia do Instituto, prestar apoio na elaboración e implantación dos plans estratéxicos do centro e trasladar á sociedade información sobre o ILG co fin de que acade unha maior proxección na súa contorna.

Na reunión de constitución deste martes, a directora do centro, Elisa Fernández Rei, achegoulles aos membros do Foro información sobre a axenda científica do Instituto, as accións levadas a cabo para a promoción da súa investigación e para o aumento da súa proxección social, así como as actividades máis destacables que desenvolve para contribuír ao avance científico e tecnolóxico.

Presidido pola propia Elisa Fernández Rei, o Foro Social quedou constituído formalmente nunha xuntanza na que participaron a secretaria do ILG, María Álvarez de la Granja; o secretario da Asociación de Actores e Actrices de Galicia, Xosé Barato; a secretaria do Centro de Innovación Educativa e Dixital-CIEDIX, Lorena Barbeito Barciela; o director do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes-CiTIUS, Senén Barro Ameneiro; a presidenta da Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua-CTNL, Mónica Fernández Valencia; a profesora de Lingua Galega e Literatura no IES do Milladoiro, Valentina Formoso Gosende; o científico do Instituto de Ciencias do Patrimonio-Incipit do CSIC, César González Pérez; a vicepresidenta da Asociación Galega de Editoras, Ana María Guerra Cañizo; o membro do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia-CPXG Ramón Paz González; a responsable da oficina de I+D+i de Balidea, María del Carmen López Pérez; o responsable da área de Terminoloxía do Servizo de Normalización Lingüística da USC, Xusto Rodríguez Río; a alcaldesa do Concello de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín Rei, e a creadora de contidos para redes sociais Sara Seco Rial.

O Instituto da Lingua Galega
O ILG é un centro de investigación da USC creado en 1971 que vén realizando un intenso traballo de investigación na lingüística galega e na transferencia de coñecemento á sociedade. Actualmente conta con 30 persoas adscritas como investigadoras, que traballan nas dúas grandes áreas de investigación do centro: Lingua e sociedade e Humanidades Dixitais. Vinculados a estas áreas están activos neste momento 16 proxectos, nos que participan, amais das persoas investigadoras adscritas ao Instituto, un total de 31 colaboradores e colaboradoras e 14 persoas contratadas para daren apoio á investigación e á xestión.

Así mesmo, o ILG ten dispoñibles en aberto preto de 30 recursos dixitais (ferramentas, corpus lingüísticos, recursos lexicográficos etc.), que prestan servizo á investigación, mais tamén a profesionais de distintos ámbitos (xornalismo, interpretación, edición, literatura etc.) ou á cidadanía en xeral. Nos últimos 5 anos gañou 7 proxectos competitivos e asinou 26 contratos e convenios con diversas entidades e empresas (Xunta de Galicia, Fundación Barrié, Real Academia Galega...).

O ILG participa, canda o CiTIUS, no maior proxecto de tecnoloxía lingüística que se está a desenvolver actualmente en Galicia, o Proxecto Nós. O Instituto é un dos centros que integran o Spanish CLARIN K-Centre e tamén coordina o nodo galego de CLARIAH-ES, consorcio español de 10 entidades que contribúe ás infraestruturas europeas (ERIC) CLARIN e DARIAH.
 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 03.07.2024.