O Instituto da Lingua Galega recibe unha doazón de gravacións etnográficas
O Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago de Compostela acaba de recibir como doazón unha importante colección de gravacións realizadas en distintos lugares de Galicia entre os anos 1965 e 1968. Estes rexistros corresponden a un traballo de investigación sobre crenzas tradicionais, especialmente sobre meigas e endemoñados, realizado polo profesor danés Gustav Henningsen e subvencionado pola Universidade de Copenhague e o Consello Danés de Investigacións Científicas.
Durante o desenvolvemento desta investigación, o profesor Henningsen percorreu varias aldeas e vilas galegas fotografando e facendo entrevistas sobre ritos de maxia e curación. Os materiais doados ó ILG (máis de 150 horas de gravacións) ofrecen unha interesante fonte de información sobre a lingua e a sociedade galega dos anos sesenta do século pasado. Entre estes materiais recóllese tamén unha boa cantidade de lendas tradicionais e cantigas populares. As gravacións doadas polo profesor Henningsen, unha vez transcritas e procesadas, serán utilizadas polos investigadores do ILG para realizar distintas investigacións lingüísticas.
O profesor Gustav Henningsen graduouse como titular de universidade cun traballo sobre as crenzas contemporáneas nas bruxas en poboacións de Dinamarca. Durante a súa estadía de investigación en España nos anos sesenta desenvolveu investigacións sobre as crenzas de bruxería en Galicia e o País Vasco e tamén sobre a Inquisición. A súa tese doutoral sobre o inquisidor Salazar Frías foi publicada en España en 1983 co título El abogado de las brujas: brujería vasca e Inquisición española. O profesor Henningsen é un recoñecido investigador nos estudos da Inquisición e a bruxería en Europa con traballos como The Inquisition in Early Modern Europe (1983) ou Early Modern Euopean Witchcraft (1990).