Ir o contido principal

O Instituto da Lingua da USC celebrará un simposio sobre 'Toponimia e Cartografía'

O Instituto da Lingua Galega da USC (ILG), en colaboración co Consello da Cultura Galega, celebrará entre o 28 de outubro e o 6 de novembro un simposio sobre ‘Toponimia e Cartografía’ no que se tentará ofrecer unha panorámica dos estudos que, dende distintas disciplinas, explotan cientificamente a conxugación da investigación toponímica e da análise cartográfica. O prazo para formalizar a inscrición permanecerá aberto ata o próximo 25 de outubro.
Os participantes convidados son especialistas en xeografía, historia, dialectoloxía e historia da lingua que nos seus traballos tiran rendemento da representación cartográfica dos nomes de lugar. Deste xeito, os temas das conferencias procuran ofrecer unha panorámica xeral dos estudos interdisciplinares de toponimia, especialmente das achegas feitas desde a xeografía, a historia e a lingüística.
Nas distintas sesións programadas contarase coa participación de investigadores do ámbito da xeografía que están a traballar ou traballaron en proxectos vinculados coa toponimia, e por outra con colaboradores de proxectos e investigacións que aproveitaron a cartografía toponímica para obter resultados sobre a evolución e descrición dos sistemas lingüísticos. As conferencias pretenden tamén dar a coñecer aos asistentes o estado de desenvolvemento destes proxectos, a metodoloxía que se está a utilizar, os resultados que deica agora se obtiveron e as perspectivas futuras.
Este simposio forma parte da programación de encontros que o ILG organiza anualmente dende o ano 2001 sobre temas relacionados coa investigación lingüística que son de interese para a comunidade científica.
Toponimia e CartografíaOs estudos de toponimia aproveitáronse sempre das contribucións achegadas desde outras disciplinas para explicar a orixe, historia e distribución dos nomes de lugar. Coa colaboración da xeografía, a historia, a antropoloxía, a botánica, a economía e a lingüística, entre outras disciplinas, os estudos de toponimia arrequéntanse e desenvólvense de xeito máis completo.
Por outra banda, a cartografía, como representación gráfica do territorio, aparece como disciplina estreitamente vinculada cos estudos toponímicos. Os mapas funcionan como soportes, en ocasións únicos, dos nomes do territorio e a toponimia é unha parte fundamental da representación cartográfica. Nas últimas décadas, a aplicación dos sistemas de información xeográfica para a análise de datos toponímicos fixo aínda máis patente a utilidade da combinación de toponimia e cartografía.
Esta actividade organízase coa colaboración da Dirección Xeral de Promoción Científica e Tecnolóxica do Sistema Universitario de Galicia. Para acadar máis información sobre o programa do encontro, as persoas interesadas poden visitar a páxina web do ILG.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 07.10.2008.