O Instituto da Muller e a USC explorarán as particularidades do emprendemento feminino no ámbito universitario
O Instituto da Muller e a USC organizarán os días 12 e 13 de decembro o Congreso Innovatia 8.3 co fin de promover o emprendemento feminino no ámbito universitario. Na súa definición, o congreso concíbese como o lugar de encontro das universidades españolas implicadas na transferencia do coñecemento e a tecnoloxía dende a investigación á sociedade a través da creación de empresas de base tecnolóxica. Celebrarase na Universidade compostelá por ser sede do programa de apoio ao emprendemento feminino Woman Emprende. Neste congreso presentaranse a metodoloxía e os procedementos de traballo que poderán empregar todas as universidades que desexen facer un asesoramento neutro e intregral na creación de empresas de base tecnolóxica. Segundo explican os seus promotores, son procedementos novedosos que definen todos os pasos que hai que seguir para acompañar ao emprendemento universitario en cada unha das súas fases e que facilitan ás universidades que os empreguen un asesoramento neutro e integral nos seus servizos de apoio. A filosofía que aglutina este traballo é incrementar o número de vocacións empresariais femininas, de xeito acorde coas cotas de participación das mulleres na universidade española. Ademais, o programa da USC Woman Emprende presentará a primeira guía de creación de empresas especificamente deseñada para dar apoio ao emprendemento feminino de base tecnolóxica e compartirá con todos os asistentes os procedementos de traballo conducentes á creación dunha spin off universitaria promovida por mulleres. Este é unha acción formativa de inscrición gratuíta e prazas limitadas, da que se pode atopar máis información ou formalizar a inscrición na web www.womanemprende.org.