Ir o contido principal

A intensidade dunha vaga de calor, determinante para a mortalidade

Os riscos estimados para as catro cidades analizadas resultaron máis elevados que en estudos previos. FOTO: Pixabay
Os riscos estimados para as catro cidades analizadas resultaron máis elevados que en estudos previos. FOTO: Pixabay
Un estudo da USC emprega un índice biometeorolóxico para coñecer a magnitude deste fenómeno e a súa incidencia na saúde humana
Santiago de Compostela

En época de vagas de calor, pasar dun día de baixa intensidade a outro de intensidade extrema pode incrementar o risco de mortalidade nun 173% en cidades coma Sevilla. No contexto de cambio climático, fenómenos meteorolóxicos coma este supoñen un perigo para a saúde humana que pode ser letal. Así o reflicte o estudo que vén de publicar un equipo interdisciplinar da USC, no que interveñen profesionais das áreas de Xeografía Física e Saúde Pública, e que relaciona a intensidade das ondas de calor coa mortalidade diaria por causas naturais, cardiovasculares ou respiratorias. 

A investigación tamén recolle datos de Barcelona, Bilbao e Madrid entre 1990 e 2014. Nestas cidades, o risco de morte por causas naturais, nese suposto incremento de intensidade da vaga, ascende ao 78% nas dúas primeiras, e ao 83% na terceira. No referido á morte por causas respiratorias e cardiovasculares, o patrón é similar, aínda que con maior importancia nas primeiras. Dominic Royé e Margarita Taracido, profesores da USC, asinan este traballo, no que tamén participan Aurelio Tobías, do IDAEA-CSIC, e Raquel Codesido, do CIBERESP.

Uso pioneiro
Aínda que existen investigacións sobre o impacto das ondas de calor na saúde humana, poucas examinan a súa intensidade empregando índices biometeorolóxicos. “Este traballo é pioneiro no uso do índice de vaga de calor EHF (Excess Heat Factor) en relación á temperatura diaria aparente, e non só á temperatura diaria do aire”, explica Dominic Royé. A temperatura diaria aparente ten en conta a radiación solar, a humidade e a velocidade do vento. Así, os riscos estimados para as catro cidades analizadas resultaron máis elevados que en estudos previos baseados na temperatura do aire.

O innovador do índice EHF é que combina dous compoñentes. O primeiro compara a temperatura media de tres días coa temperatura promedio anual dese tipo de clima, para saber se ese período ten condicións de vaga de calor. O segundo compara a temperatura media deses tres días coa dos 30 días anteriores, para ter en conta o factor da aclimatación do corpo humano ao novo entorno térmico. 

Os resultados da investigación amosan que, a partir de certa magnitude da vaga, a mortalidade aumenta de xeito exponencial, polo que “a intensidade é un indicador importante da súa letalidade”, aclara Royé. Ademais, os datos demostran que “non todos os días dunha destas vagas son igual de intensos, e que este fenómeno meteorolóxico pode ter efectos na saúde humana no mesmo día, pero tamén varios días despois”.

Margarita Taracido e Dominic Royé, investigadores da USC. FOTO: Santi Alvite
Margarita Taracido e Dominic Royé, investigadores da USC. FOTO: Santi Alvite

Maior protección para a saúde pública
Comprender os elementos e características das vagas é fundamental para mellorar a protección da saúde pública no contexto do cambio climático, polo que “as políticas actuais deberían contemplar os diferentes riscos asociados a unha vaga de calor”, segundo o autor. Así, Royé sinala tamén a relevancia de considerar “escalas rexionais e locais, non só estatais”, á hora de estudar este tipo de fenómenos meteorolóxicos. Por último, subliña a necesidade de “avaliar a vulnerabilidade humana á calor, especialmente no contexto actual de envellecemento da poboación e cambio climático”.
 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 22.01.2020.