O V International Day 2016 promoverá a mobilidade da man de estudantes procedentes de catro continentes

Estudantes de África, Europa, América ou Asia participarán esta semana na V Edición do ‘ International Day’ na que estudantes estranxeiros na USC amosarán as particularidades culturais dos seus respectivos países de orixes. O obxectivo da xornada é difundir os programas de mobilidade internacional no eido da educación, voluntariado, educación non formal a través da súa propia experiencia, facilitando a elección dun futuro destino.
A xornada desenvolverase este xoves 10 dende as 11.30 ás 18.00 horas na Facultade de Xeografía e Historia. Neste simbólico espazo, o International Day reunirá máis de 100 expositores de China, México, Polonia, Venezuela, Colombia, Francia, República Checa, República Eslovaca, Turquía, Chile ou Vietnam, entre outros. O xoves 17 de novembro a xornada celebrarase na Facultade de Veterinaria do Campus de Lugo.
En cada stand, os estudantes presentarán os seus respectivos países de orixe facendo fincapé nos aspectos que consideran máis significativos tales como características xeográficas, estilo de vida gastronomía e vida estudantil. Canto, música ou baile son outros dos atractivos da xornada.
Esta é unha iniciativa que organiza a asociación Erasmus Compostela xunto coa Vicerreitoría de Internacionalización da USC e a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado. Para acadar máis información sobre o evento ou participar nel, as persoas interesadas poden consultar a páxina web ou enviar un correo a day [at] esnsantiago.com (day[at]erasmus[dot]gal).