Ir o contido principal

O International Day 2018 achega á comunidade universitaria as particularidades culturais de quince países de todo o mundo

Detalle do stand dedicado a México, país do que estudan na USC 112 estudantes.
Detalle do stand dedicado a México, país do que estudan na USC 112 estudantes.
Máis de mil estudantes participarán neste curso nos programas de mobilidade internacional da USC

A USC rexistrou neste semestre do curso 18-19 un total de 792 movementos de estudantes a nivel internacional entre todos os seus programas de mobilidade: Erasmus, Erasmus Mundus, convenios bilaterais ou extracomunitarios. A cifra aumentará ata aproximadamente mil estudantes, co alumnado que se estima se incorporará no segundo semestre. Os datos foron achegados na apertura da sétima edición do ‘International Day’, unha iniciativa a Vicerreitoría de Estudantes e Internacionalización da USC en colaboración coa Asociación Erasmus Compostela, que se celebrou hoxe na Facultade de Medicina.

O acto de presentación contou coa participación de Enrique López Veloso, xefe do Servizo de Relacións Exteriores da USC; a presidenta da Casa Galicia Japón, Megumi Shiozawa; e da secretaria da Facultade de Medicina, María Teresa Castaño Oreja. López Veloso destacou a importancia da internacionalización na Universidade compostelá e a dimensión que adquiriu o Servizo que dirixe no transcurso dos últimos 20 anos, tanto en número de programas de mobilidade, persoal encargado da súa xestión como na ampliación da áreas xeográficas dos convenios. Nesta liña, explicou que “a USC, que ocupa a terceira posición en Europa na coordinación de proxectos, segue a traballar na mellora continua dos procesos para optimizar a calidade dos mesmos e atraer e captar talento”.

Os quince países representados no International Day 18 foron Italia, Arxentina, Palestina, Guinea-Bissau, Alxeria, México, Marrocos, Austria, Afganistán, Perú, China, Lituania, Xapón, Xordania e Corea do Sur. Italia, con 127 estudantes, e China con 125, son os países de orixe da maioría do alumnado pertencente aos programas de mobilidade internacional. Séguenlle México, con 112 estudantes, Brasil con 38 e Alemaña, con 35.

Receitas gastronómicas da man do CSHG
Este ano o evento contou cunha colaboración moi especial que tivo como protagonista a cultura gastronómica internacional. Alumnado do Centro Superior de Hostalaría de Galicia (CSHG), coordinados polo profesor responsable do Departamento de Cociña, Roberto Walther Schnellbach, elaboraron a tarde anterior xunto a estudantes internacionais, cinco receitas tradicionais de China, Perú, México e Xapón, que formaron parte da mostra gastronómica do evento. Ao longo da xornada tamén se organizaron mostras de canto, música e baile e entregáronse os premios ao ‘Mellor stand’ e a ‘Mellor actuación en artes escénicas”, dotados ambos os dous cunha cesta de produtos típicos galegos.

A celebración do “ International Day 18” inscribiuse nesta edición dentro dos eventos conmemorativos do 150 Aniversario do establecemento de Relacións Diplomáticas entre Xapón e España.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 15.11.2018.