Ir o contido principal

A internet segura, a debate

A I Xornada de educación na cidadanía dixital responsable foi organizada por Esculca. FOTO: Santi Alvite
A I Xornada de educación na cidadanía dixital responsable foi organizada por Esculca. FOTO: Santi Alvite
Ciencias da Educación impulsa un foro no que se aborda o vínculo entre a Rede e o desafío educativo
Santiago de Compostela

‘Unha Internet mellor comeza hoxe contigo: asumindo o desafío educativo’ foi o lema que centrou este martes a I Xornada de educación na cidadanía dixital responsable. Co gallo do Día Internacional da Internet Segura 2020, Ciencias da Educación acolleu este foro no que expertos de diferentes disciplinas tentaron achegar ao alumnado un fenómeno crecente e cun impacto cada vez maior dende idades temperás. 

Ademais de Jose María Lozoya Pérez, cibercooperante do Instituto Nacional de Ciberseguridad (INCIBE), quen centrou a súa intervención na análise dos desafíos que implica o uso seguro e positivo das tecnoloxías dixitais; o foro contou tamén coa presenza do profesor José Julio Fernández Rodríguez, director do Centro de Estudos de Seguridade da USC, relatorio no que se salientou a necesidade de ter presente o vínculo entre a protección de datos e a dignidade das persoas.

De seguido, Marta Andrade Blanco, representando a UNICEF, expuxo algúns dos datos derivados dos estudos realizados dende a entidade sobre o uso das novas tecnoloxías na infancia e a adolescencia, centrándose nos factores de risco e protección. O peche da xornada correu a cargo de varias investigadoras do Grupo ESCULCA, Diana Priegue, Leticia López-Castro, Cristina Varela e Laura García, mediante a realización dun obradoiro no que o alumnado puido achegarse ás posibilidades da intervención pedagóxica para previr o ciberacoso, poñendo o acento tanto na necesidade de traballar  tanto cos mozos e mozas, como coas familias, sen esquecer a necesidade de contar co apoio e colaboración dos profesionais dos centros educativos.

Esta actividade estivo organizada dende o Grupo de Investigación ESCULCA, en colaboración co Centro de Estudos de Seguridade, o Instituto Nacional de Ciberseguridad (INCIB), e UNICEF; baixo a dirección de Diana Priegue e Leticia López-Castro. 
 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 12.02.2020.