Ir o contido principal

Unha intervención arqueolóxica estudará vestixios que poderían formar parte dun dispositivo de asedio romano

En anteriores campañas, entre os anos 2017 e 2020, os arqueólogos estudaron numerosos xacementos na campiña de Sasamón
En anteriores campañas, entre os anos 2017 e 2020, os arqueólogos estudaron numerosos xacementos na campiña de Sasamón
Arqueólogos da USC e do CSIC dirixen os traballos que se centrarán na prospección con métodos xeofísicos de varias estruturas arredor do poboado prerromano do Cerro de Castarreño en Burgos
Santiago de Compostela

O Cerro de Castarreño, situado na provincia de Burgos, podería formar parte dun dispositivo de asedio romano. Coa intención de confirmar esta hipótese, o investigador da USC José Manuel Costa-García, xunto a Jesús García Sánchez do Instituto de Arqueoloxía de Mérida e pertencente ao CSIC, dirixe o estudo dunha serie de vestixios arqueolóxicos documentados mediante prospección aérea. A través do uso de distintas técnicas de teledección, os arqueólogos documentaron unha dobre liña de fosos, por espazo de máis de seis quilómetros, que rodea o castro por completo. Así mesmo, documentáronse ata catro campamentos militares romanos e un segundo aliñamento dobre ao exterior. Para confirmar estas hipóteses, durante a campaña arqueolóxica de 2021, que bota a andar este xoves, realizaranse prospeccións con métodos xeofísicos nestas estruturas.

Aínda que na Península Ibérica téñense documentado outros escenarios de asedio de época romana –casos de  Numancia (Soria) ou La Loma (Santibáñez de la Peña, Palencia)–, o paralelo máis próximo, cronolóxica e morfoloxicamente, parece ser o cerco de Xulio César arredor de Alesia (Francia) a mediados do século I a. C.

Método en auxe

A prospección xeofísica con xeorradar e magnetómetro é un método en auxe, pois permite obter imaxes  tridimensionais do subsolo sen necesidade de escavacións, para así identificar estruturas soterradas. Isto permitirá planificar posteriores intervencións arqueolóxicas. Ata a data, os membros do equipo realizaron prospeccións con  xeorradar en lugares como a necrópole de Pinilla Trasmonte, complexos  en  Almenara de Adaja ou amplos sectores da cidade romana de Segisamo. A prospección  xeomagnética realizarase en colaboración co Laboratorio de Arqueoloxía non invasiva (MINARQLAB) do CSIC-IAM.

A continuación, escavaranse varias sondaxes co obxectivo de documentar as estruturas, comprender a súa morfoloxía, extraer elementos de cultura material relevante e tomar mostras para a datación por radiocarbono e  termoluminiscencia dos antigos fosos. Estes métodos permiten coñecer con precisión cando se formaron esas estruturas.

Un pasado por (re)descubrir

Ata o de agora, só se contaba cos escritos fragmentarios dalgúns autores gregos e latinos para reconstruír a historia da conquista destas terras. A partir destes rexistros sábese que os romanos conquistaron o centro peninsular a finais do século II a. C., pero a comarca do  Odra- Pisuerga non quedaría definitivamente integrada no Imperio Romano ata finais do século I a. C. Esta integración supuxo notables cambios na paisaxe. Os vellos poboados da Idade do Ferro foron abandonados en favor doutro tipo de núcleos de cuño romano. Ademais, apareceron novas infraestruturas públicas como vías ou acuedutos, e comezaron a explotarse os campos de forma máis intensa co obxectivo de obter produtos agrícolas cos que alimentar á crecente poboación. “Con todo, quedan aínda no aire moitas incógnitas ao redor deste proceso de transición. Este cambio produciuse de forma pacífica? Cando abandonaron os antigos Turmogos os asentamentos fortificados para habitar as novas cidades? En que momento desapareceron? As estruturas descubertas recentemente poderían axudar a responder estas preguntas”, sinalan os investigadores.

Proxecto consolidado

En anteriores campañas, entre os anos 2017 e 2020, os arqueólogos estudaron numerosos xacementos na campiña de Sasamón mediante o emprego de fotografías aéreas modernas e antigas en cor e en infravermello, imaxes  satelitais e reconstrucións 3D do territorio a partir de datos LIDAR. Usáronse ademais outras técnicas como a prospección  xeofísica ou a xeración de cartografías a partir de fotografías tomadas por medio de drons.

Deste xeito, logrouse coñecer mellor o urbanismo romano identificando as trazas das rúas e edificios, alén de recoñecer a existencia de antigos campamentos e mesmo recuperar materiais relacionados tanto co exército como coa vida cotiá durante a Antigüidade. Ademais, en 2018 iniciouse a escavación dunha estrutura identificada mediante estas tecnoloxías e que delimitaba o esporón setentrional do Cerro de  Castarreño. A apertura dunha trincheira de quince por dous metros permitiu documentar un potente foso escavado no  páramo e dun noiro situado ao interior do mesmo. “Aínda que os materiais arqueolóxicos atópanse en proceso de estudo, todo parece indicar que o poboado abandonouse coa chegada de Roma á comarca e que talvez ese abandono non foi tan pacífico como se cría”, continúan os investigadores. Arqueólogos de Reino Unido, República Checa, Alemaña, Holanda, Portugal, Estados Unidos, Bulgaria, Italia e España teñen formado parte deste proxecto.

O colectivo de investigación romanarmy.eu reúne a un conxunto de arqueólogos e investigadores de diversas institucións entre as que se atopa a USC, coa intención de estudar a presenza do exército romano no norte peninsular e as transformacións que provocou a chegada de Roma nestes territorios. A intervención actual está financiada pola Deputación de Burgos e os concellos de Sasamón, Olmillos de Sasamón e Villasandino.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 18.08.2021.