Unha nova intervención arqueolóxica profundará no Corro dos Mouros lucense, datado entre o Bronce Final e a Idade de Ferro
A nova actuación arqueolóxica no xacemento de Corro dos Mouros, en Santa María Madalena de Adai (Lugo), permitirá dende este luns 8 ampliar a zona escavada en 2023 a través da realización de dúas sondaxes, así como acometer o rexistro do xacemento mediante dron para obter un levantamento topográfico completo e un modelado fotogramétrico detallado. A limpeza biótica, baixo control arqueolóxico, do xacemento para poder percibir adecuadamente a súa superficie será outro dos obxectivos desta intervención na que tamén se pretende realizar diferentes tipos de prospección coas que mellorar a delimitación e o seu contexto inmediato, ademais de poder achegar información de interese para a planificación de futuros traballos.
O xacemento arqueolóxico do Corro dos Mouros, tamén chamado O Castrillón, sitúase na parroquia de Santa María Madalena de Adai, no Concello de Lugo, a escasos oito quilómetros ao oeste da propia cidade. En concreto, localízase no Monte de Penas do Caldeiro, en terreos que son propiedade da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Adai, Monte de Penas do Caldeiro, Travesa, Raiola, Pedrafita e Pedreiras. Trátase dun xacemento arqueolóxico tipo “roda”, que presenta unha forma en planta de tendencia circular delimitado por un parapeto ben definido en planta e altura, cunhas dimensións internas entre os 27 metros (N-S) e 30 metros (L-O) e unhas dimensións externas de 52 metros de diámetro.
“Hai que ter en conta que este tipo de xacemento está nunha fase incipiente de investigación xa que a día de hoxe só se coñecen un total de trece na nosa comunidade a través das publicacións, e uns 50 detectados a través de prospección con LiDAR, pendentes de publicación, sendo aínda problemática a súa interpretación dende o punto de vista funcional e cronolóxico”, explica a profesora da USC, Pilar Prieto Martínez, directora da intervención e membro do grupo de investigación EcoPast e do Centro de Investigación Interuniversitario das Paisaxes Atlánticas Culturais (CISPAC).
Os estudos existentes, todos eles aínda preliminares, consideran que as rodas responden a un tipo de xacemento datado entre o Bronce Final e a primeira etapa da Idade do Ferro (Ferro I), a finais do segundo milenio e inicios do primeiro milenio antes de Cristo, cunha funcionalidade funeraria-ritual xa que no interior dalgún deles se localizaron unha serie de enterramentos en fosa, aínda que existe outra liña de investigación que interpreta este tipo de sitios como de uso habitacional e doméstico, como posibles proto castros do Bronce Final. O xacemento sitúase nunha contorna de gran riqueza arqueolóxica na que destaca a “longhouse” rupestre de Pena Fita, á que se suman catro petróglifos con motivos xeométricos e unha mámoa intervida en 1990.
Cronoloxía dos traballos
En 2023, a Universidade de Santiago de Compostela comezou as investigacións neste xacemento a través da realización dunha sondaxe de 17x1,50 metros que permitiu definir tres estruturas perimetrais do xacemento: un parapeto parcialmente pétreo, un foso externo e unha coiraza pétrea. Tamén se exhumaron varias estruturas internas, así, na zona máis afastada do parapeto, documentouse un chan preparado enchido de xabre duns 20 centímetros de espesor e algunha estrutura illada (buracos de poste, gabia, ou fosa, entre outros) que demostra a existencia de actividades no sitio. Na zona anexa ao parapeto identificouse un chan orgánico sobre unha pedra plana de granito de gran tamaño, esta laxa foi colocada sobre un nivel de xabre preparado que á vez está cortado pola introdución dunha ola cerámica en posición vertical que foi datada polo C14 entre finais do século XIII e finais do século IX antes de Cristo.
Á vista dos resultados da campaña arqueolóxica de 2023 e tendo en conta os valores históricos e patrimoniais que reúne este xacemento arqueolóxico, a USC e a Consellaría de Cultura, Lingua e Xuventude consideraron de interese continuar neste ano 2024 cos traballos arqueolóxicos de investigación e documentación deste xacemento a través da sinatura dun convenio de colaboración que ten como finalidade fundamental realizar os traballos necesarios para afondar no coñecemento deste sitio arqueolóxico e así avanzar na súa investigación e caracterización e tamén de cara a súa posible futura posta en valor.