O inverno comezou na tarde do luns
O inverno boreal comezou este luns 21 ás 18:47 horas, prolongándose ata as 18:31 horas do día 20 de marzo, momento no que se iniciará a primavera. A estación invernal no hemisferio norte é, segundo datos do Observatorio Astronómico Ramón Mª Aller, a de menor duración con 88,99 días, fronte aos 89,95 do outorno; os 92,75 da primaver e os 93,65 do verán.
O inicio do inverno coincide co paso do Sol polo punto Capricornio da Eclíptica ou Solsticio de decembro, producíndose neste intre a mínima declinación solar (-23º4 con respecto ó Ecuador Celeste) o que ten coma consecuencia que teñamos o día máis curto do ano cunha duración de pouco máis de 9 horas. Porén as tardes xa comezaron a medrar dende o pasado dia 8, mentres que as mañás seguirán minguando ata a festividade de Reis. Isto débese a que a hora oficial está baseada no chamado Sol medio e non no Sol verdadeiro.
O día 3 de xaneiro terán lugar ó máximo da choiva de estrelas Cuadrántidas e o paso da Terra polo perixeo, mínima distancia ao Sol (147.097.887 qm). Pola súa banda, Mercurio vai estar en boas condicións de poder ser observado a simple vista antes da saída do sol sobre o 27 de xaneiro, estando Marte en oposición dous días despois.
Na estación que agora comeza haberá varias conxuncións da Lúa con Planetas, con Xúpiter (18 de xaneiro, 15 de febreiro e 14 de marzo), Marte (30 de xaneiro e 26 de febreiro), Saturno (2 de febreiro e 2 de marzo), Mercurio (12 de febreiro e 16 de marzo) e Venus (14 de febreiro e 17 de marzo).
Polo que respecta á eclipse solar anular do 15 de xaneiro non será visible dende Europa, senón dende o centro de África, sur da India, Myanmar (Birmania) e China.