Ir o contido principal

O inverno entra no mediodía deste domingo

O inverno boreal deu comezo o domingo, 21 de decembro, ás 13:04 horas e prolongarase ata o 20 de marzo ás 12:44 minutos, momento no que se inicia a primavera. Segundo informa o director do Observatorio Astronómico ‘Ramón María Aller’ da USC, José Ángel Docobo, a estación invernal no hemisferio norte é a de menor duración, “88,99 días fronte aos 89,84 do outono, 92,75 da primavera e os 93,66 do verán”.
O inicio coincide co paso do Sol polo punto Capricornio da Eclíptica, producíndose neste intre a mínima declinación solar que ten como consecuencia que sexa o día mais curto do ano cunha duración aproximada de 9 horas. Porén, as tardes xa comezaron a medrar dende o pasado día 8, mentres que as mañás continuarán minguando ata Reis. “Isto débese a que a hora oficial está baseada no chamado Sol medio e non no Sol verdadeiro”, aclara Docobo.
O 3 de xaneiro terá lugar o máximo da choiva de estrelas Cuadrántidas, e tamén a comezos de ano Mercurio vai estar en boas condicións para ser observado a simple vista despois do solpor. A mesma situación producirase en torno ao 13 de febreiro, pero neste caso ao albor.
Xa o 4 de xaneiro ás 16:00 horas producirase o paso da Terra polo perihelio, punto da órbita terrestre mais preto do Sol. Nese instante a distancia Terra-Sol será de 147.095.271 quilómetros, informa Docobo, que advirte que a eclipse solar anular do 26 de febreiro non será visible dende Europa.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 19.12.2008.