Ir o contido principal

Os invertebrados mariños, protagonistas das xornadas 'A biodiversidade das rías: un diminuto mundo vivo baixo os teus pes'

Celebraranse nas instalacións da Estación de Bioloxía Mariña da Graña de Ferrol

Moi difíciles de observar e cunha elevada importancia ecolóxica, os invertebrados das rías galegas son os protagonistas dunhas xornadas que organizadas pola Estación de Bioloxía Mariña da Graña (Ferrol) tentarán amosar en vivo o seu descoñecido mundo. Co título ‘A biodiversidade das rías: un diminuto mundo vivo baixo os teus pes’, estas xornadas pretenden resaltar a importancia dos invertebrados mariños polo seu importante valor ecolóxico e por representar un patrimonio natural de incalculable valor.
A inscrición neste encontro que forma parte das actividades da Semana da Ciencia 2008 aínda pode formalizarse ata o próximo venres, día 14. O programa deseñado está especialmente destinado á comunidade docente de ensinanza secundaria de Galicia e desenvolverase nas instalacións da Estación de Bioloxía Mariña da Graña (r/ da Ribeira 1-4. A Graña. Ferrol). As persoas que se inscriban terán a súa disposición todos os medios e instrumento necesarios, laboratorios, barco e aloxamento na mesma estación.
Amosar actitudes, deseño de formas e estruturas corporais como adaptación a diversos hábitats, funcionalidade dos mecanismos de locomoción de diferentes grupos zoolóxicos, estratexias ofensivo-defensivas, tróficas e reprodutivas, son algúns dos temas cos que se poderán familiarizar os asistentes ás xornadas.
En opinión dos promotores da iniciativa, descubrir este descoñecido mundo animal é de grande importancia xa que a comunidade docente non universitaria debe xogar un papel decisivo como vieiro que canalice aos alumnos cara campos científicos practicamente ignorados pola sociedade ao tempo que poñer en valor o coñecemento da ciencia básica como cerne das investigacións aplicadas.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 10.11.2008.