Ir o contido principal

Unha investigación aborda a difícil convivencia do francés e do holandés en Bélxica, clave para a estabilidade política do país

Jorge Mira (esquerda) e Luis F. Seoane (dereita). FOTO: Santi Alvite
Jorge Mira (esquerda) e Luis F. Seoane (dereita). FOTO: Santi Alvite
“Bruxelas proporciona un laboratorio social único que amosa como se desenvolve o contacto dunha lingua romance e unha lingua xermánica”, explica o catedrático da USC, Jorge Mira, que desenvolveu a análise xunto co científico Luís F. Seoane do CSIC
Santiago de Compostela

Bélxica é un caso único no mundo desenvolvido de país fracturado por una división lingüística. Por exemplo, o límite actual entre Flandes e Valonia atópase definido pola liña que separa a área de uso do francés (Valonia) e o holandés (Flandes). Dito doutro xeito, o límite político e territorial de Bélxica é unha consecuencia directa da súa dinámica lingüística interna. Partindo desta premisa,  o catedrático da USC e investigador do Instituto de Materiais (iMATUS), Jorge Mira, xunto co científico Luís F. Seoane do Centro Nacional de Biotecnoloxía do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), analizaron no artigo ‘Are Dutch and French languages miscible?’, publicado en The European Physical Journal Plus, como se foi producindo a evolución lingüística en Bruxelas —a única rexión belga onde francés e holandés son linguas co-oficiais—, a través do tempo. “Bruxelas proporciona un laboratorio social único que amosa como se desenvolve o contacto dunha lingua romance e unha lingua xermánica”, explican os científicos. A división lingüística podería extrapolarse á política, evidenciando se Bélxica constitúe un país estable.  

Bruxelas non só alberga a capital do país, senón tamén a maioría das institucións da Unión Europea, a OTAN e outros axentes políticos. Este é o motivo polo que os físicos  entenden que este traballo ten un interese extra como achega á comprensión da estabilidade do país como entidade política nun sentido máis amplo. Así, os investigadores botaron man dun sistema de ecuacións diferenciais ordinarias para estudar datos históricos de falantes en diferentes barrios da rexión de Bruxelas-capital, a única zona recoñecida oficialmente coma bilingüe pola Constitución de Bélxica. Ao axustar os parámetros do modelo ás traxectorias sociolingüísticas observadas, avaliaron a estabilidade do sistema de linguas cohabitantes, é dicir, se os dous idiomas poden coexistir a longo prazo, ou se un deles irá perdendo peso co paso do tempo. Os investigadores constataron unha tendencia xeral das dúas linguas a medrar segregadas co paso do tempo, o que suxire, en termos físicos, que o holandés e o francés non son miscibles.
 

O estudo retrata as dúas linguas en coexistencia
O estudo retrata as dúas linguas en coexistencia

Os científicos estudaron un período histórico que conduciu ao denominado como  “afrancesamento” de Bruxelas, no que o idioma francés desprazou ao holandés como o idioma máis falado nesta área logo dun cambio no equilibrio socioeconómico nacional entre as rexións sur e norte. Os datos dispoñibles abarcan dende finais do século XIX ata mediados do século XX. “O obxectivo aquí non é prognosticar como podería evolucionar co tempo o número de falantes de cada lingua, senón máis ben estudar a interacción entre os dous idiomas durante un período limitado durante o cal recompilamos datos de maneira homoxénea”, explican Jorge Mira e Luís Seoane. “Esperamos que as ideas sobre a posible convivencia entre ambas as linguas poidan achegar luz sobre os esforzos necesarios para manter o equilibrio lingüístico a longo prazo”, matizan.

Durante décadas, os límites rexionais belgas “fóronse desprazando en función dos censos lingüísticos, é dicir: a raia divisoria territorial entre as rexións dependía, de xeito directo, do resultado das enquisas de uso das linguas, e iso foi así ata 1961. A vantaxe para nós é que eses datos brindáronnos un rexistro longo e consistente do período do afrancesamento de Bruxelas”, explican os investigadores.

Seoane e Mira, usando modelos matemáticos antes probados noutras parellas de idiomas coexistentes como a galego-castelán ou catalán-castelán, analizaron os datos dese momento histórico. O resultado é un vasto estudo cuantitativo que retrata as dúas linguas en coexistencia ao longo dese período de tempo, medindo como a comunidade de falantes percibía o prestixio de cada unha delas e tamén a distancia promedio que as separaba.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 27.07.2022.