Ir o contido principal

Unha investigación de Bioloxía analiza o nivel de manganeso no estuario do río Doce en Brasil

Para este estudo combináronse técnicas clásicas como o fraccionamento xeoquímico de metais con técnicas espectroscópicas avanzadas
Para este estudo combináronse técnicas clásicas como o fraccionamento xeoquímico de metais con técnicas espectroscópicas avanzadas
O profesor Xosé L. Otero toma parte nun proxecto que analiza a situación do río logo da rotura dos muros de contención dunha balsa de lodos en 2015
Santiago de Compostela

A rotura dos muros de contención dunha balsa de lodos nunha mina de ferro en Brasil botou ao río Doce, no ano 2015, un total de 43 millóns de m3 de barro. O profesor da Facultade de Bioloxía Xosé L. Otero, en colaboración con investigadores das universidades de São Paulo, Federal Fluminense, Federal de Espírito Santo e de California, analizaron a evolución da composición da lama no estuario do río e constataron como, en dous años, o 74% do manganeso desapareceu dos solos e sedimentos, incrementando a súa concentración nove veces na lámina de auga e na biota.   

“O manganeso é un micronutrinte e amosa baixa toxicidade ambiental, pero dende o punto xeoquímico, resulta extraordinariamente móbil, sobre todo en medios intermareais como os estuarios e lagoas costeiras”, explica o profesor Otero. Esta mobilidade está asociada coa expansión da vexetación de macrófitos como a espadana (Typha domingensis) que incorpora ao substrato grandes cantidades de materia orgánica que reactiva os procesos redox do sistema. Para este estudo combináronse técnicas clásicas como o fraccionamento xeoquímico de metais con técnicas espectroscópicas avanzadas.

En, 2002 o grupo de investigación  Ambiosol da USC, xunto con profesores da universidade de São Paulo, iniciou o proxecto ‘Pedoxénese e  bioxeoquímica de metais pesados e contaminantes orgánicos en medios  sedimentarios mariños de clima tropical’. “Naquel momento apenas había estudos sobre os chans e sedimentos de manglar en Brasil, un dos países con maior superficie deste bosque costeiro. Dende entón e ata a actualidade os estudos continúan, incluíndo toda a costa brasileira, desde a desembocadura do río Amazonas ata São Paulo”, sinala o profesor de Bioloxía. Ata o de agora, no marco desa liña de investigación, defendéronse dez teses de doutoramento e publicáronse máis de 40 artigos en revistas, así como varios capítulos de libros e unha monografía.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 11.12.2020.