Ir o contido principal

Unha investigación do Campus Terra, galardoada no XVII Premio de Historia Agraria Ramón Garrabou

O traballo premiado analiza a historia económica do sector das sambesugas en España. Foto: Pixabay
O traballo premiado analiza a historia económica do sector das sambesugas en España. Foto: Pixabay
O profesor Damián Copena conseguiu un accésit na convocatoria deste galardón
Lugo

O profesor do Departamento de Economía Aplicada na Facultade de Administración e Dirección de Empresas no Campus Terra da USC Damián Copena acaba de ser galardoado nos XVII Premio de Historia Agraria Ramón Garrabou.

O xurado deste premio convocado pola Sociedade de Estudios de Historia Agraria decidiu outorgar un accésit á investigación realizada por Copena e por María Gómez-Martín, da Universidade de Oviedo, titulada ‘Spanish–French leech trade and its consequences: From the increase in medical demand to resource depletion and technical innovation’, que foi publicada na revista Medical History da editorial Cambridge University Press no ano 2024.  

Este traballo analiza a historia económica do sector das sambesugas en España, centrando a atención nos procesos de recolección, regulación, ámbitos de demanda para uso médico, así como no estudio das relacións comerciais con Francia desde o inicio do século XIX ate a década de 1860.

O xurado destacou do traballo de investigación a orixinalidade e interese da temática e do enfoque empregado, valorando que explora as diferentes vías de ingresos que existían nas economías campesiñas; que abre novas liñas de investigación e que achega unha nova visión da rendibilidade dos humedais.

O acto de entrega do Premio terá lugar en Zaragoza no ano 2026, dentro do congreso de Historia Agraria. Á XVII edición dos premios Ramón Garrabou podían presentarse os traballos de investigación abordados desde unha perspectiva interdisciplinar sobre a historia agraria e as sociedades rurais da Península Ibérica e América Latina que se tivesen publicado en revistas de impacto internacional durante os anos 2023 e 2024.
 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 21.07.2025.