Unha investigación constata a interdependencia entre medios de comunicación e manifestacións populares na comarca de Lemos
A realidade xornalística da comarca de Lemos demostra a existencia dunha relación de interdependencia entre os medios de comunicación locais e as entidades que teñen entre os seus obxectivos a preservación e posta en valor das manifestacións populares tradicionais desta bisbarra interior do sur da provincia de Lugo, segundo conclúe a xornalista Almudena Martín Rodríguez na tese de doutoramento que vén de presentar na Facultade de Ciencias da Comunicación da USC.
A tese ‘Manifestacións populares tradicionais e prensa local na comarca de Lemos’, realizada por Almudena Martín e dirixida polo profesor do Departamento de Ciencias da Comunicación da USC Xosé Antonio Neira Cruz, achega ao lector a realidade xornalística da prensa local da comarca de Lemos a través das aparicións das manifestacións tradicionais populares características deste territorio. Daquela, logo de realizar unha investigación cuantitativa, cualitativa e multidisciplinar, centrada fundamentalmente no estudo e na análise das cabeceiras de prensa El Progreso, La Voz de Galicia, así como da iniciativa gratuíta En Común, Martín Rodríguez extrae neste traballo interesantes conclusións sobre as rutinas produtivas no proceso xornalístico e o peso das tradicións populares na axenda temática dos medios de comunicación local da comarca de Lemos. A fidelidade dos lectores cos medios de comunicación locais a través da súa identificación coa comunidade e a contorna á que se dirixen é outra das hipóteses que confirma a investigadora nesta tese de doutoramento, na que aborda de xeito exhaustivo a sintonía e a íntima relación existente entre a prensa local da comarca de Lemos e as manifestacións populares tradicionais da comarca, así como coas entidades que traballan a prol da súa preservación e posta en valor. Tribunal de tese e cualificación O catedrático do Departamento de Ciencias da Comunicación da USC Xosé López García presidiu o tribunal encargado de avaliar a tese de doutoramento presentada por Almudena Martín e que mereceu a máxima cualificación de sobresaínte cum luade. As profesoras Mónica Valderrama Santomé, da Universidade de Vigo; Olga Osorio e Iglesias, da Universidade da Coruña, e Moisés Limia Fernández, investigador da Universidade de Minho, tamén formaron parte do tribunal, do que actuou como secretaria a profesora da USC Berta García Orosa. Almudena Martín Rodríguez, xornalista