Unha investigación sobre cultura financeira e fraudes por correo electrónico, galardoada nos V Premios Finsalud
Unha investigación sobre a relación entre a cultura financeira e as fraudes por correo electrónico desenvolvida por un equipo da USC acadou unha mención especial nos V Premios Finsalud, que concede a fundación do mesmo nome. O traballo galardoado titúlase ‘The role of financial literacy in consumer financial fraud exposure (via email) and victimization: evidence from Spain’ e foi publicado en xuño de 2024 na revista académica ‘Journal of Bank Marketing’ por Lucía Rey Ares, Sara Fernández López e Marcos Álvarez de Espiño, da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais compostelá.
A Fundación decidiu concederlle este recoñecemento ao equipo da USC polo carácter innovador do traballo, e subliñou a transcendencia da conclusión da súa investigación: aínda que a educación financeira é importante, non garante unha protección total fronte á fraude financeira. A cerimonia de entrega do galardón terá lugar no Foro Finsalud organizado pola Fundación o próximo mércores 13 de novembro de 2024 na Sede do Consello Xeral da Avogacía Española en Madrid.
Segundo galardón
Sara Fernández López, Lucía Rey Ares e Marcos Álvarez Espiño da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, xunto coa profesora Sandra Castro González da Facultade de Administración e Dirección de Empresas recibiran xa un galardón na cuarta edición do Premio Finsalud polo traballo ‘Financial capability and households’ financial vulnerability: Evidence for the Spanish case’ publicado na revista científica ‘Managerial Finance’.
O traballo de investigación afondaba nunha posible relación entre a capacitación financeira e a vulnerabilidade financeira dos fogares españois, sendo a cuestión clave entender como mellorar as competencias das persoas en materia de xestión das súas finanzas para promover comportamentos financeiros “desexables” e reducir o risco de sufrir vulnerabilidade financeira.