Unha investigación demostra o vínculo entre as temperaturas extremas e as mortes cardiovasculares
As temperaturas extremas, tanto por frío como por calor, incrementaron o risco de morte entre as persoas con enfermidades cardiovasculares como a cardiopatía isquémica, o accidente cerebrovascular, a insuficiencia cardíaca ou a arritmia. Esta é a principal conclusión do estudo titulado ‘Associations Between Extreme Temperatures and Cardiovascular Cause-Specific Mortality: Results From 27 Countries’, publicado este luns 12 na revista Circulation da Asociación Americana do Corazón. O estudo, no que participa o profesor da USC Dominic Royé, analizou 32 millóns de mortes cardiovasculares a través de catro décadas. “Co cambio climático, precísase máis investigación para examinar e desenvolver estratexias que mitiguen o impacto das temperaturas extremas nas enfermidades cardiovasculares”, afirman dende o equipo investigador.
A análise abarcou 567 cidades en 27 países de todo o mundo entre 1979 e 2019. Os datos foron extraídos da Multi-Country Multi-City (MCC) Collaborative Research Network, un consorcio de epidemiólogos, bioestatísticos e científicos do clima que estudan os seus impactos na saúde e os factores estresantes ambientais relacionados coas taxas de mortalidade. Para levar a cabo a análise, o equipo investigador comparou as mortes cardiovasculares no 2,5 % dos días más calorosos e máis fríos de cada cidade coas mortes cardiovasculares nos días que tiñan a temperatura óptima (asociada coa menor taxa de mortes) na mesma localización.
Por cada 1.000 mortes de natureza cardiovascular, o estudo detectou que as xornadas de calor extrema xeraban 2,2 pasamentos adicionais; mentres que o frío extremo orixina 9,1 mortes adicionais. Entre as enfermidades cardiovasculares examinadas no estudo, a insuficiencia cardíaca relacionouse co maior exceso de mortes por temperaturas extremas (2,6 pasamentos adicionais en días de calor extrema e 12,8 con frío extremo). "Unha de cada 100 mortes cardiovasculares pode atribuírse a días con temperaturas fóra do normal”, apuntan. “Se ben non sabemos a razón de que a insuficiencia cardíaca sexa a patoloxía máis afectada, a súa natureza progresiva como enfermidade, fai que os pacientes sexan susceptibles aos efectos da temperatura. Este é un descubrimento importante xa que unha de cada catro persoas con insuficiencia cardíaca é reingresada no hospital dentro dos 30 días posteriores á alta, e só o 20 % dos pacientes con insuficiencia cardíaca sobreviven 10 anos despois do diagnóstico”, apuntan.
España
No caso español, por cada 1.000 mortes, o frío por enriba dos valores habituais ocasiona 11,3 mortes cardiovasculares, mentres que a calor extrema xera 4 pasamentos adicionais. A enfermidade isquémica do corazón (11,7 mortes), seguida do ictus (11), da insuficiencia cardíaca (8,3) e arritmia cardíaca (9,8) son as patoloxías que se ven máis afectadas polo frío extremo. No caso da calor, as doenzas que padecen un maior impacto son ictus (3,6), seguida de enfermidade isquémica do corazón e insuficiencia cardíaca (nos dous casos, 3,5 pasamentos adicionais), e arritmia cardíaca (0,1).
O estudo contou con financiamento da Kuwait Foundation for the Advancement of Science (KFAS) e serve, a xuízo dos investigadores, de chamamento para as “organizacións profesionais de cardioloxía para que desenvolvan directrices sobre a intersección das temperaturas extremas e a saúde cardiovascular”, afirmaron.