Ir o contido principal

Unha investigación desenvolve estratexias para avaliar os efectos do cambio climático no sector lácteo europeo

A investigadora Paola M. Guzmán Luna
A investigadora Paola M. Guzmán Luna
Paola M. Guzmán Luna procura facilitar a neutralidade de carbono a través da identificación das ameazas climáticas máis críticas

A investigadora Paola M. Guzmán Luna desenvolveu unha estratexia para avaliar os efectos futuros do cambio climático no desempeño ambiental do sector lácteo europeo. A tese presentada no marco do programa Marie Skłodowska-Curie, procura facilitar a neutralidade de carbono, é dicir, emitir a mesma cantidade de dióxido de carbono á atmosfera da que se retira por distintas vías, deixando un balance cero. Para conseguilo, a investigadora identificou no traballo ‘Evaluation of the spatio-temporal future effects of climate change on the european dairy sector’ as ameazas climáticas máis críticas, permitindo establecer estratexias eficientes de adaptación ao cambio climático.

O traballo desenvolveuse no Centro Interdisciplinario de Investigación en Tecnoloxías Ambientais da USC (CRETUS), dentro do Grupo de Biotecnoloxía Ambiental do Departamento de Enxeñaría Química, baixo a dirección de Almudena Hospido Quintana e Miguel Mauricio Iglesias, xunto coa doutora Anna Flysjö da cooperativa láctea danesa Arla Foods.

“O cambio climático xa está a afectar e seguirá afectando as explotacións leiteiras europeas”, explica a investigadora. “Espérase que as ameazas climáticas e os seus impactos biofísicos afecten o rendemento ambiental das explotacións leiteiras de forma desigual ás diferentes rexións, tendo en conta os escenarios climáticos previstos para 2050. Estes efectos dificultan o obxectivo do sector de acadar neutralidade de carbono reducindo as emisións de gases de efecto invernadoiro”, sinala.

O obxectivo desta tese centrouse en estimar as mudanzas no desempeño ambiental do sector lácteo ante os futuros efectos do cambio climático. Para iso, os métodos empregados baseáronse na Análise do Ciclo de Vida (ACV), ferramenta que serve para estudar os impactos ambientais ao longo de todo o ciclo de vida dun produto, proceso ou actividade, e na súa integración con ferramentas que inclúen a Avaliación de Riscos e os modelos e táboas de Input-Output. Estes métodos foron implementados na etapa de produción primaria, é dicir, na granxa leiteira e na produción de cultivos, “xa que é a etapa que contribúe de forma maioritaria ao cambio climático, pero tamén a máis vulnerable ao quecemento global”. Esta integración de métodos resultou prometedora para garantir a seguridade alimentaria e apoiar os obxectivos ambientais de 2050.

Ameazas

Os riscos climáticos interactúan cos ecosistemas e ameazan as cadeas de valor do leite, principalmente a produción primaria, é dicir, a produción de leite cru e o subministro de alimento para o gando. Relacionados coa produción primaria, os riscos climáticos causan impactos biofísicos xa que teñen un efecto tanto sobre os sistemas biolóxicos (vacas leiteiras e cultivos) como físicos (auga, solo e atmosfera). Como consecuencia, estes impactos repercuten no rendemento e na seguridade alimentaria das explotacións leiteiras, modificando o impacto ambiental por unidade de leite cru producido. Neste senso, “cómpre definir estratexias de adaptación, adecuadas a unha granxa leiteira en particular, para reducir o impacto dos riscos climáticos tendo en conta a súa variabilidade xeográfica e os seus impactos biofísicos”, sinala a investigadora. Estas estratexias necesitan materiais e recursos, o que pode dar lugar a novas emisións e a un maior impacto ambiental do leite. Neste senso, é esencial avaliar de forma meticulosa tanto os beneficios coma os custos ambientais e analizar as posibles disxuntivas entre ambos.

A pesar da incerteza inherente ás proxeccións climáticas e da complexidade de todo un sector produtivo, esta tese proporcionou información de base científica sobre os retos que o cambio climático supón para o sector lácteo europeo para 2050. Estas ferramentas foron adaptadas para que usuarios sen coñecementos previos ou formación especializada, poidan facer uso delas. Outro punto forte é o carácter xenérico e flexible das ferramentas desenvolvidas, que permiten a súa aplicación rápida en calquera outro horizonte temporal e xeográfico, así como en calquera escenario climático. Para mostrar a súa aplicabilidade, a caixa de ferramentas aplicouse a dúas rexións climáticas con predicións de escenarios diferentes ata 2050.

Esta tese desenvolveuse no marco da rede PROTECT (Predictive modelling tools to evaluate the effects of climate change on food safety) unha rede de formación do programa MSCA Horizonte 2020. A motivación desta rede de formación baseouse na urxencia de abordar o reto de manter un equilibrio entre a produtividade láctea, a seguridade alimentaria e a preservación do medio ambiente. Este obxectivo conseguiuse mediante unha combinación de investigación académica e non académica. A investigación reúne experiencias intersectoriais e multidisciplinares de once países europeos (sete institucións de ensino de terceiro nivel, seis socios industriais e unha axencia das Nacións Unidas).

Os contidos desta páxina actualizáronse o 28.12.2023.