Ir o contido principal

A investigación e o ensino en Dereito centran o IV Simposio compostelán sobre ensinanzas xurídicas

A investigación e o ensino en Dereito centran o IV Simposio compostelán sobre ensinanzas xurídicas
A investigación e o ensino en Dereito centran o IV Simposio compostelán sobre ensinanzas xurídicas

Máis de cincuenta docentes e investigadores dunha vintena de universidades reúnense este xoves e o venres na Facultade de Dereito para participar no IV Simposio compostelán sobre ensinanzas xurídicas dedicado nesta ocasión á investigación e o ensino en Dereito. O simposio inaugurouse nun acto no que participaron o decano da Facultade de Dereito, Luis Míguez Macho, e o profesor da Universidade da Coruña e director da REGAP, Juan Raposo Arceo, e no que pronunciou unha conferencia Miguel Diaz y García-Conlledo, catedrático de Dereito Penal da Universidade de León e membro da CNEAI. Ao longo do encontro profesores das Universidades de Santiago, A Coruña, Castela-A Mancha, Complutense de Madrid, Córdoba, ETEA–Córdoba, Estremadura, Xirona, Granada, IUAV de Venecia, Jaume I de Castellón, León, Lumière Lyon II, Oviedo, Pablo de Olavide de Sevilla, Pública de Navarra, Regional Norte–Salto de Uruguay, Rey Juan Carlos de Madrid, UNED, Valencia e Vigo compartirán e compararán experiencias, proxectos e ideas sobre a relación entre as dúas tarefas principais do profesorado universitario. Na tarde do xoves o catedrático de Biblioteconomía e Documentación da Universidade de Granada, Rafael Ruiz Pérez, impartirá un obradoiro sobre a presentación de solicitudes de sexenios en ciencias xurídicas e o venres, ás 10.00 horas, terá lugar unha mesa redonda coa participación dos profesores Marta Requejo Isidro (USC), Giuseppe Piperata (IUAV de Venecia), Marie-Cécile Escande-Varniol (Lumière Lyon II), Beatriz Rodríguez Sanz de Galdeano (Pública de Navarra) e Juan Ureña Salcedo (Valencia). O resto do encontro estrutúrase en sesións con máis de trinta comunicacións organizadas en cinco bloques temáticos: Medios de avaliación, Novas tecnoloxías aplicadas á docencia, Dereito noutras titulacións, Novas técnicas pedagóxicas aplicadas ao Dereito e Experiencias de organización. Xa o acto de clausura terá lugar o venres ás 14:00 horas e nel farase entrega dos premios ás mellores comunicacións.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 14.07.2011.