Unha investigación sobre a predición das secas, premio ao mellor artigo en revistas científicas de Xeografía estranxeiras
O investigador da USC Dominic Royé acaba de ser recoñecido co galardón ‘Roser Majoral Moliné’ ao mellor artigo en revistas científicas de Xeografía estranxeiras. A investigación que aborda a predición das secas a través de modelos matemáticos veu a luz na revista europea Earth System Science Data e está tamén asinada por Robert Monjo Agut da Universidad Complutense de Madrid (UCM) e Javier Martín Vide da Universitat de Barcelona (UB).
A investigación premiada analizou o comportamento de todos os períodos sen chuvia dende 1979 ata 2016, e comparounos con conxuntos de Cantor, un concepto matemático desenvolvido por Georg Cantor en 1883 que fai referencia ao fractal, un obxecto xeométrico cuxa estrutura básica repítese a diferentes escalas (autosimilitude), e que podemos observar, por exemplo, no brócoli ou nas pólas das árbores. O traballo destes investigadores proba que o comportamento das secas climáticas pode modelarse deformando en maior ou menor medida os ocos (períodos secos) do conxunto orixinal de Cantor. Por exemplo, as secas en zonas semidesérticas serían as máis fieis ao conxunto de Cantor sen modificar.
A sétima edición do premio ‘Roser Majoral Moliné’, convocado pola Asociación Española de Geografía (AGE), recoñece a proxección internacional da investigación xeográfica nos seus diferentes campos. O xurado que avaliou os dezaoito traballos presentados estivo composto por Belén Pedregal Mateos, Antonio Prieto Cerdán, Fernando Díaz Del Olmo, Inmaculada Concepción Guerrero Amador, Juanma García González, Josefina Domínguez Mujica, Ángel Miramontes Carballada, Mª Mercedes Arranz Lozano, Jesús Ventura Fernández e Sara Cortés Dumont.