Ir o contido principal

A investigación máis punteira no ámbito do procesamento lingüístico preséntase estes días en Santiago

Un total de catro conferencias plenarias, trinta e tres comunicacións e vinte e tres pósteres permitirán traer a debate a investigación máis punteira no ámbito do procesamento lingüístico. Será no transcurso do IX Simposio de Psicolingüística que se celebra no Hotel Gran Hotel de Santiago entre o xoves 23 e o sábado 25. O reitor da USC, Senén Barro, presidiu o acto inaugural do encontro.
En Santiago vanse dar cita, ao longo de catro sesións plenarias, expertos da máxima solvencia mundial como os lingüistas Mark Steedman e Ronald Langacker (considerado o segundo lingüista vivo máis destacado do planeta tras Noam Chomsky), e os psicólogos experimentais Fernanda Ferreira e Ton Dijkstra.
Concibido como un congreso altamente especializado, o seu programa abarcará unha serie de campos de coñecemento diversos, tales como a adquisición da linguaxe, o procesamento bilingüe, a comprensión sintáctica e do discurso, o procesamento léxico e sub-léxico ou a investigación experimental en patoloxías lingüísticas.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 22.04.2009.