Unha investigación sobre como reducir o risco de sufrir vulnerabilidade financeira obtén o Premio Finsalud
As profesoras Sara Fernández López, Lucía Rey Ares e o investigador predoutoral Marcos Álvarez Espiño da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, xunto coa profesora Sandra Castro González da Facultade de Administración e Dirección de Empresas acaban de ser galardoados na cuarta edición do Premio Finsalud polo traballo ‘Financial capability and households’ financial vulnerability: Evidence for the Spanish case’ publicado na revista científica Managerial Finance.
O traballo de investigación, distinguido co galardón promovido pola Fundación Finanzas y Salud (Finsalud), afonda nunha posible relación entre a capacitación financeira e a vulnerabilidade financeira dos fogares españois; sendo a cuestión clave entender como mellorar as competencias das persoas en materia de xestión das súas finanzas para promover comportamentos financeiros “desexables” e reducir o risco de sufrir vulnerabilidade financeira.
Este estudo encádrase na liña de investigación sobre finanzas persoais e capacitación financeira que, desde xa hai máis dunha década, lidera a profesora Sara Fernández no grupo de investigación VALFINAP e, recentemente, no centro de investigación ECOBAS. O equipo investigador parte dos datos de Enquisa de Competencias Financeiras que desenvolven conxuntamente o Banco de España e a Comisión Nacional do Mercado de Valores para construír un índice de capacitación financeira e vinculalo co risco de vulnerabilidade neste ámbito. Os resultados acadados neste estudo indican que aqueles individuos cunha capacitación financeira boa teñen unha maior resiliencia financeira.
As conclusións suxiren que na mellora das finanzas familiares ten máis importancia a "oportunidade de actuar", entendida como inclusión financeira por ter acceso a certos produtos —sobre todo no que a contas de aforro se refire—, que os coñecementos financeiros en si mesmos; se ben, o poder explicativo reside na combinación de ambos os factores. Para os autores, por tanto, a industria financeira e os responsables económicos deberían deseñar programas máis orientados á acción respecto dos programas de educación financeira que ofrecen.
O premio entrégase na cerimonia que ten lugar no terceiro Foro Finsalud organizado pola Fundación este mércores 22 de novembro na Sede do Consello Xeral da Avogacía Española, e poderase seguir en liña.