Ir o contido principal

Unha investigación da USC analiza como se desenvolven os criterios na argumentación sobre alimentación sustentable

Alumnado da USC nun comedor universitario. Foto: Santi Alvite
Alumnado da USC nun comedor universitario. Foto: Santi Alvite
As percepcións dos participantes no estudo evolucionaron dende a invisibilidade do impacto ambiental das dietas ata a consideración da súa relevancia
Santiago de Compostela

O profesor da área de Didáctica das Ciencias Experimentais na USC, Pablo Brocos Mosquera, aborda na súa tese de doutoramento como se desenvolven os criterios na argumentación sobre alimentación sustentable. A tese está dirixida pola profesora da Facultade de Ciencias da Educación María Pilar Jiménez Aleixandre e nela constátase como as percepcións dos participantes no estudo evolucionaron dende a invisibilidade do impacto ambiental das dietas ata a consideración da súa relevancia.

A tese examina, a través de dous estudos de caso, un en profesorado en formación e outro con alumnado de bacharelato, o desenvolvemento de criterios sobre argumentación acerca de dietas e modelos de alimentación sustentables. A investigación pretende contribuír ao estudo de aspectos non estruturais da argumentación no contexto de toma de decisións sobre cuestións socio-científicas, ao desenvolvemento de criterios sobre dietas axeitadas, e á promoción de condutas alimentarias máis sustentables e saudables, tendo en conta, tal e como afirma Brocos, que ata hai poucos anos apenas se prestou atención ao impacto ambiental da alimentación. O estudo examina como os participantes perciben cinco dimensións das dietas (nutricional, ambiental, económica, ética e cultural-persoal) e como as utilizan como criterios para valorar e argumentar sobre diferentes modelos de alimentación.

Importancia dos criterios culturais

Os resultados da investigación indican, entre outras cuestións, que as percepcións dos participantes evolucionaron dende a invisibilidade do impacto ambiental das dietas ata a consideración da súa relevancia e unha maior presenza nos seus argumentos. Os grupos encadraron a cuestión desde un punto de vista interdisciplinar, e utilizaron unha ampla variedade de datos para xustificar que as dietas con maior proporción de produtos vexetais son ambientalmente máis axeitadas. A análise dos debates revelou a importancia concedida aos criterios culturais na escolla dunha dieta, e identificáronse disposicións a modificar os propios hábitos alimentarios, mais en moitos casos a responsabilidade destes cambios foi trasladada á sociedade.

As implicacións do estudo inclúen a necesidade de problematizar a alimentación e a súa sustentabilidade, facendo máis visible o seu impacto ambiental, e propóñense ferramentas analíticas para caracterizar os obxectivos epistémicos do alumnado, que poden axudar a deseñar contornas de aprendizaxe que os promovan. Asemade, suxírese a necesidade de incorporar conflitos no deseño das tarefas, co obxectivo de aumentar a concienciación sobre a solidariedade global e a asunción de responsabilidades individuais para promover unha transición cara unha sociedade máis sustentable.

Tribunal e cualificación

O tribunal estivo composto polos profesores Blanca Puig da USC, Beatriz Bravo da Universidade Autónoma de Madrid e Manuel Bächtold da Universidade de Montpellier. A tese, con mención internacional, acadou a cualificación de sobresaliente cum laude.

Brocos Mosquera e Jiménez Aleixandre xunto ao tribunal avaliador da tese. Foto: Ramón López Facal

Os contidos desta páxina actualizáronse o 10.12.2019.