Unha investigación da USC considera “deficitaria” a presenza do ensino do portugués no sistema educativo galego

“O ensino da lingua portuguesa debería ser unha prioridade colectiva en Galicia, por razóns económicas, políticas, culturais e tamén para mellorar o prestixio social do galego” conclúe a tese de doutoramento do profesor de portugués e galego para non galegofalantes no Centro de Linguas Modernas (CLM) da USC, Xurxo Fernández Carballido. Nesta investigación sobre o ensino da lingua portuguesa en Galicia, afírmase que a situación deste idioma no sistema educativo galego é deficitaria. ESO, Bacharelato, FP e Primaria son os ámbitos onde se rexistran máis carencias na oferta e na procura da lingua portuguesa, cunha escasa presenza como primeira lingua ou segunda lingua estranxeira e, moitas veces, sen continuidade de curso en curso, ou de nivel en nivel.
A situación do ensino do portugués no sistema educativo galego é diferente segundo o ámbito académico, conclúe Fernández Carballido. Deste xeito, a lingua portuguesa está presente nas tres universidades galegas, normalmente nas carreiras ou materias relacionadas coa filoloxía, lingüística, literatura e a tradución, aínda que tamén ten presenza nos centros de linguas modernas.
O portugués está presente en case todas as escolas de idiomas galegas, aínda que non en todas as delegacións, así, chama a atención que non estea na oferta educativa da delegación de Verín, sinala Fernández Carballido. Sobre o número de estudantes, rexístrase no período analizado unha certa estabilidade, malia que é na ESO, Bacharelato, FP e Primaria onde se rexistran mais déficits na oferta e na procura da lingua portuguesa. No estudo, tamén se rexistraron certas resistencias ou reticencias institucionais e administrativas para promover o portugués, comparado co esforzo que foi realizado neste senso na Comunidade Autónoma da Estremadura, continúa o profesor do CLM. Tampouco os programas estabelecidos polo Estado portugués, por insuficientes, teñen axudado a ampliar a presenza deste idioma, sinala.
Metodoloxía
A tese de doutoramento de Fernández Carballido analiza a situación glotopolítica galega en relación co ensino do portugués; a presenza do portugués no sistema educativo galego; a formación dos docentes de portugués como lingua estranxeira; os materiais empregados para o ensino da lingua portuguesa en Galicia; e a presentación do proceso de ensino, aprendizaxe e avaliación do portugués en Galicia.
Fernández Carballido analizou un amplo repertorio bibliográfico, obras de carácter teórico, mais tamén os principais manuais de lingua portuguesa empregados polos docentes para o ensino desta lingua nas aulas galegas, así como testemuños dos propios docentes de portugués. Asemade, nesta tese de doutoramento son recollidos numerosos datos estatísticos sobre o número de estudantes que aprenden portugués nas escolas, nos institutos, nas escolas oficiais de idiomas, nos centros de linguas modernas e nas universidades galegas.
Tribunal da tese e cualificación
O tribunal encargado de avaliar esta tese de doutoramento, dirixida polos profesores Ignacio Miguel Palacios Martínez e José António Souto Cabo, estivo composto polo catedrático da USC, José Luís Rodríguez; o profesor da Universidade do Minho, Álvaro Iriarte Sanromán; e a profesora do Instituto Politécnico de Castelo Branco, Maria Margarida Afonso de Passos Morgado. O tribunal acordou por unanimidade conceder a esta tese de doutoramento a cualificación de sobresaliente cum laude.