Ir o contido principal

Unha investigación da USC permite a obtención de novos materiais de gran importancia nos procesos industriais

Santiago de Frutos del Río, na defensa da súa tese de doutoramento na Facultade de Ciencias
Santiago de Frutos del Río, na defensa da súa tese de doutoramento na Facultade de Ciencias
Sobresaínte cum laude para a tese ‘Estrutura cristalina e propiedades coloidales de ácidos biliares modificados’, defendida en Ciencias por Santiago de Frutos en Ciencias

Unha investigación desenvolvida na Facultade de Ciencias do campus de Lugo da USC permite a obtención de oligómeros que se comportan como surfactantes e teñen a capacidade de formar agregados en disolución acuosa a escala nanométrica, ademais de xeles e precipitados coloidales. Este tipo de elementos resultan de gran importancia industrial, xa que dun xeito ou doutro, son empregados por todas as empresas de alimentación, tecnoloxía farmacéutica...

Estas nova achegas científicas son algúns dos resultados da investigación desenvolvida por Santiago de Frutos del Río na súa tese de doutoramento, un traballo titulado ‘Estrutura cristalina e propiedade coloidales de ácidos biliares modificados’ e dirixido polos profesores do Departamento de Química Física da USC na Facultade de Ciencias José Vázquez Tato e Francisco Meijide del Río. O traballo de investigación realizado por Santiago de Frutos na súa tese de doutoramento encádrase nos ámbitos da Química Supramolecuar, que centra a súa atención en cómo as moléculas se recoñecen entre si, e a Fisicoquímica. Neste estudo, logo de remarcar a importancia dos ácidos biliares na natureza e as súas múltiples aplicacións en diferentes campos, Santiago de Frutos obtivo oligómeros que se comportan como surfactantes, uns novos materiais con capacidade para formar agregados en disolución acuosa a escala nanométrica, xeles e precipitados coloidales. Asemade, esta tese de doutoramento tamén posibilitou resolver cristais de novos esteroides. Composición do tribunal e cualificación

O tribunal encargado de avaliar a tese de doutoramento defendida por Santiago de Frutos del Río na Facultade de Ciencias do campus de Lugo da USC estivo presidido polo catedrático e profesor ad honorem da USC José Miñones Trillo. Issa Katime, catedrático emérito do Departamento de Química Física da Universidade do Pais Vasco; Rosa Leila, profesora do Departamento de Química Orgánica da Universidade tinerfeña de La Laguna; o catedrático de Química Orgánica de Costa Rica Víctor Hugo Soto, ademais da decana da Facultade de Farmacia da USC, Isabel Sández Macho, en calidade de secretaria, conformaron o tribunal que outorgou a máxima cualificación de sobresaínte cum laude á tese presentada por Santiago de Frutos del Río.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 30.03.2015.