Unha investigación de Veterinaria abre novas expectativas para a prevención e o control da ‘forunculose’ do rodaballo
Unha investigación desenvolvida na Facultade de Veterinaria do campus de Lugo por Germán Alberto Coscelli abre novas expectativas para a prevención e o control da “forunculose’ do rodaballo, tal e como recolle este veterinario arxentino na tese de doutoramento ‘Estudo da patoxenia e dos mecanismos inmunolóxicos na infección por Aeromonas Salmonicida subsp. salmonicida en rodaballos (Scophthalmus máximas)’, dirixida polos profesores María Isabel Quiroga, do Departamento de Ciencias Clínicas Veterinarias da USC, e Roberto Bermúdez Pose, do Departamento de Anatomía e Produción Animal da USC.
A investigación realizada por Germán Alberto Coscelli, profesor na Universidade Nacional de Rosario, responde a algúns dos principais interrogantes que existen sobre a ‘forunculose’, unha patoloxía provocada pola bacteria Aeromonas Salmonicida subsp. Salmonicida, causante de mortalidade por síndrome septicémico e de lesións cutáneas crónicas. A repercusión desta enfermidade no cultivo do rodaballo aínda non se coñece con exactitude, a pesar do notable crecemento experimentado nos últimos anos pola acuicultura, que na actualidade é o sector de produción animal con máis proxección de futuro en España. A acuicultura constitúe ademais unha alternativa necesaria para satisfacer a demanda de pescado, posto que este sistema de produción posibilita compensar o declive experimentado na pesca extractiva, ao tempo que representa un importante motor de desenvolvemento en zonas costeiras altamente dependentes da pesca. A contribución de Galicia neste contexto non é menor, xa que lidera a cría intensiva de rodaballo cun 99% da produción nacional. O éxito do cultivo desta especie débese, en gran medida, á intensificación do coñecemento científico e tecnolóxico experimentado nas últimas décadas como resultado da estreita colaboración entre empresas, investigadores e administracións. Neste contexto cómpre salientar o labor desenvolvido polo grupo de Anatomía Patolóxica da Facultade de Veterinaria de Lugo, cuxos investigadores realizaron durante os últimos 20 anos numerosos traballos de investigación encamiñados ao estudo daquelas enfermidades do rodaballo que constitúen unha ameaza para a súa produción. A tese de doutoramento de Germán Alberto Coscelli constitúe un paso máis neste camiño, pois na súa investigación, o autor aborda aspectos cruciais da patoxénese da enfermidade nas súas diversas formas de presentación. Daquela, este traballo desenvolve ferramentas útiles para o diagnóstico da enfermidade, á vez que tamén avaliou a eficacia de diferentes formulacións de vacinas para o seu control. Os resultados obtidos abren novas expectativas para o deseño de futuros estudos encamiñados a previr e controlar a enfermidade. Tribunal da tese e cualificación O tribunal encargado de avaliar e cualificar e tese de doutoramento presentada por Germán Alberto Coscelli na sala de xuntas da Facultade de Veterinaria de Lugo estivo integrado por cinco expertos de recoñecido prestixio no eido da Ictiopatoloxía. A profesora da USC Ysabel Santos Rodríguez actuou como membro do xurado, do que tamén formaron parte Antonio Rodríguez Bertos, profesor na Universidade Complutense de Madrid; José Miguel Sotelo Rodríguez, de Biomar Ibérica S.A., e Isabel Márquez Llano-Ponte, investigadora da sección de Ictiopatoloxía do Laboratorio Serida, de Asturias. A profesora da USC Sonia Vázquez Rodríguez, que exerceu as funcións de secretaria, completou a formación dun tribunal que acordou outorgar a máxima cualificación de sobresaínte cum laude á tese de doutoramento presentada por Germán Alberto Coscelli, que chegou ao campus de Lugo para desenvolver esta investigación a través dun programa de intercambio existente entre a Universidade Nacional de Rosario e a USC.