As investigacións das mulleres e do xénero, a exame na USC
Dende unha visión científica aplicada, o Centro Interdisciplinario de Investigacións Feministas e Estudos de Xénero (CIFEX) da USC organiza do 14 ao 16 de maio un congreso internacional sobre as actuais investigacións das mulleres e do xénero. Terá lugar na Facultade de Ciencias da Educación.
Expertos internacionais intervirán nestas sesións académicas para abordar cuestións como a relación entre mulleres e ciencia, a situación actual das súas investigacións no contexto nacional e internacional, as diferentes formas de violencia sexista ou algúns aspectos escollidos do pensamento feminista, entre outros aspectos.
Segundo a directora do Centro, a profesora Rita Radl, o encontro permitirá precisar liñas conxuntas de investigación e de acción científica con vistas ás problemáticas específicas que constitúen o núcleo central destas xornadas. Na súa posta en marcha colabora o Comité de Socioloxía do Xénero da Federación Española de Socioloxía.