Ir o contido principal

Un investigador crea un modelo para simular o comportamento mecánico da madeira con nós

O investigador Pablo Guindos Bretones creou un modelo de elementos finitos para simular o comportamento mecánico da madeira con presenza de calquera tipo de nó, para así entender a influenza destes defectos e implementar analiticamente a normativa de clasificación visual. Segundo o investigador o resultado do modelo permitiu predicir o comportamento da madeira cunha gran precisión. É unha liña de relevancia xa que os nós son defectos que ademais de diminuír a resistencia fan ineficiente o uso da madeira en fins estruturais. Ademais, a investigación supón un avance neste eido xa que a influencia mecánica dos nós segue sendo descoñecida en gran medida. Os achados de Guindos Bretones forman parte da súa tese de doutoramento ‘Modelos de elementos finitos tridimensionais para predecir o comportamento mecánico de madeira con presenza de nós, empregando a analoxía fluido-fibra e validación con fotogrametría de obxecto cercano’, dirixida por Manuel Guaita Fernández e Juan Ortiz Sánz. Un tribunal integrado polos doutores Francisco Arriaga, Paulo Cruz, Artur Feio, Ramón Mariño e María de la Luz Gil, cualificou a tese como sobresaliente ‘ cum laude’ por unanimidade. Baseándose nas correntes laminares en combinación coa fotogrametría cos elementos finitos, o modelo considerou a madeira como un material con plasticidade anisótropa, no que a desviación de fibra arredor dos nós se equiparou ás liñas de corrente que un fluído en réxime laminar experimenta arredor de conos e troncos de cono, conseguindo predicir o comportamento da madeira con unha gran precisión. Por outra parte se investigaron as posibilidades da fotogrametria de obxecto cercano como ferramenta de análise estrutural e validación de modelos de elementos finitos na madeira, obtendo resultados que diminúen notablemente a incerteza provocada pola gran heteroxeneidade deste material. Deste modo propúxose unha nova medición da rixidez na madeira, considerando un Módulo Elástico Limpo, un Módulo elástico nos Nós e outro Módulo Elástico Global, moito máis adecuada nas simulacións, segundo o investigador. Finalmente, a tese estudou tamén as calidades dos distintos criterios e enfoques para predicir a rotura en pezas de madeira, así como unha ampla discusión do efecto que os distintos tipos de nós e as súas variables xeométricas teñen dende o punto de vista analítico.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 19.10.2011.