Ir o contido principal

O investigador de Google Enrique Alfonseca ofrece unha charla na ETSE sobre recuperación de información e procesamento de linguaxe natural

A recuperación de información e o procesamento da linguaxe natural son as dúas ideas sobre as que disertará o investigador do centro de Google en Zurich Enrique Alfonseca, nunha charla que vai pronunciar este xoves 15 na Escola Técnica Superior de Enxeñaría a partir das 16:30 horas.
Os motores de procura hai máis de dez anos que son usados para dar soporte a tarefas de lingüística computacional e, de modo análogo, as técnicas de procesamento de linguaxe natural cada vez teñen máis peso no ámbito destes motores.
A primeira parte da charla revisará algunhas destas aplicacións cruzadas, dende a mellora das análises sintácticas e a extracción da información usando resultados de recuperación de información ata as melloras na expansión de consultas e os rankings a partir de métodos de procesamento da linguaxe natural. Para rematar, Enrique Alfonseca describirá o recente traballo feito sobre similaridade de consultas utilizando corpus de datos moi grandes.
Organiza a charla o profesor do Departamento de Electrónica e Computación e membro do grupo de Sistemas Intelixentes, David E. Losada, contando co financiamento da Rede Galega de Procesamento de Linguaxe Natural e Recuperación de Información.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 14.10.2009.