Ir o contido principal

O investigador Joan Seoane disertará en Medicina sobre novas dianas terapéuticas no glioma

As investigacións de Joan Seoane atópanse publicadas nas máis prestixiosas revistas científicas, como Nature, Cell, Nature Cell Biology ou Cancer Cell. Os investigadores da Facultade de Medicina terán ocasión este venres 17 de debater co doutor Seoane no transcurso dun seminario que se vai celebrar neste centro compostelán co título ‘O TGF-beta como unha diana terapéutica en glioma’. A xornada celebrarase na Aula Castelao do centro compostelán a partir das 11:00 horas.
Director do Grupo de Expresión Xénica e Cancro do Instituto de Investigación do Hospital Universitario Vall d’Hebrón, Joan Seoane é doutor en Bioquímica e Bioloxía Molecular pola Universidade de Barcelona. Entre os anos 1998 e 2003 traballou no grupo de Joan Massagué no Memorial Sloan-Kettering Cancer Center de Nova York, onde realizou relevantes contribucións á bioloxía do TGF-beta.
De volta a España incorporouse como profesor do Programa Icrea onde na actualidade centro o seu labor no estudo do papel do TGF-beta na orixe e progresión dos gliomas. En 2007 recibiu o nomeamento de ‘EMBO Young Investigator’ e foi beneficiario dunha ‘European Research Council Starting Grant’.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 16.04.2009.