Ir o contido principal

O investigador José Manuel López, premio María Luz Morales de Ensaio sobre o Audiovisual

José Manuel López durante o acto de entrega do premio
José Manuel López durante o acto de entrega do premio
O texto galardoado é unha análise do filme Shame de Steve McQueen da que o xurado destacou ser un estudo detallado e perspicaz dos recursos fílmicos da fita para reflexar a insatisfacción do suxeito contemporáneo
Santiago de Compostela

O alumno de doutoramento da USC José Manuel López acaba de ser recoñecido pola Academia Galega do Audiovisual, na IV Edición dos Premios María Luz Morales co galardón a mellor Ensaio Escrito sobre Audiovisual Internacional co seu traballo ‘Lixar a túa alma: Shame, de Steve McQueen’. O texto analiza este filme de 2011 sobre “un home perdido e deshabitado de si mesmo, un corpo somnambulante que se desenfoca e atenúa sobre o pano nocturno e terminal da cidade contemporánea”, tal e como apunta o premiado.

“Brandon, o protagonista, é aparentemente un adicto ao sexo aínda que axiña comprenderemos que súa pulsión non xorde tanto da busca do pracer como da fuxida, finalmente imposible, da dor”, explica José Manuel López. “O corpo cedido e excedido de Brandon está feito de retallos ou residuos do desexo pero tamén dos excesos da razón capitalista e do estado do benestar”, sinala.

O xurado destacou deste ensaio a análise detallada e perspicaz dos recursos fílmicos de Shame para reflexar a insatisfacción do suxeito contemporáneo e o influxo dese baleiro na sexualidade, dende perspectivas de xénero e identidade. Tamén salientou ser "unha revisión pormenorizada cunha redacción exquisita, con referentes filosóficos ademais de cinematográficos que malia tratar un único filme, mobiliza unha poderosa reflexión que evoca outras personaxes e experiencias fílmicas". José Manuel López desenvolve a súa tese de doutoramento na USC baixo a dirección do catedrático de Comunicación Audiovisual, José Luis Castro de Paz.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 01.10.2020.