Ir o contido principal

O investigador José Ramón Vázquez Padín aborda na súa tese a mellora dos sistemas de depuración das augas residuais

O investigador José Ramón Vázquez Padín estudou na súa tese a mellora dos sistemas de depuración das augas residuais
O investigador José Ramón Vázquez Padín estudou na súa tese a mellora dos sistemas de depuración das augas residuais

A eliminación dos compostos de nitróxeno das augas residuais é o eixo central da tese elaborada polo investigador José Ramón Vázquez Padín, baixo a dirección dos profesores Ramón Méndez Pampín e Anuska Mosquera Corral, e presentada recentemente na Escola Técnica Superior de Enxeñaría de Santiago.

Co título ‘Autotrophic nitrogen removal in granular sequencing batch reactors’, a tese céntrase na mellora dos sistemas de depuración de compostos de nitróxeno nas augas residuais, que poden causar importantes problemas ambientais como a eutrofización ou a toxicidade das augas superficiais e subterráneas. Os vertidos e o emprego de fertilizantes son as principais causas da concentración de nitróxeno na auga, que a lei regula tanto para augas industriais como urbanas.
A eliminación desta contaminación das augas residuais acostúmase levar a cabo mediante procesos biolóxicos de nitrificación-desnitrificación debido ao seu menor custe fronte aos procesos físico-químicos. Unha alternativa para a depuración deste tipo de efluentes é a combinación dos procesos de nitrificación parcial, no que se leva a cabo a oxidación de só o 50% do amonio presente a nitrito, seguido do proceso Anammox (Anaerobic Ammonia Oxidation) no que o amonio é oxidado por bacterias autótrofas usando o nitrito como doador de electróns. Estes procesos pódense levar a cabo en sistemas de dúas unidades ou tamén en sistemas dunha soa unidade na que se controle o nivel de osíxeno disolto (proceso CANON –Completetely Ammonia Nitrogen Oxidation Over Nitrite-). A tendencia actual é o emprego de sistemas de unha unidade dado que se favorece a simbiose entre os distintos microorganismos.
A aplicación do sistema CANON suporía un aforro no consumo de osíxeno dun 63% respecto ao proceso de nitrificación-desnitrificación convencional e non require engadir ningún composto orgánico externo, o que reduce os custes de tratamento ao redor dun 50%. Ademais é unha tecnoloxía máis limpa xa que xera menos lamas e menos gases de efecto invernadoiro.
Froito destes estudos estase a instalar unha planta piloto nunha estación depuradora galega, co fin de obter datos que permitan o redeseño das novas instalacións adaptadas ás necesidades do século XXI.
Esta tese, realizada por José Ramón Vázquez no Grupo de Enxeñaría Ambiental e Bioprocesos do Departamento de Enxeñaría Química da USC, permitiulle ao investigador obter o título de Doutor Enxeñeiro Europeo, dentro do programa de doutoramento con mención de calidade do Ministerio.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 14.12.2009.