O investigador Pablo del Pino González, un dos ‘Leonardo’ da Fundación BBVA
A Fundación BBVA lanzou en 2014 o seu programa de bolsas Leonardo para investigadores e creadores culturais, unha convocatoria altamente competitiva á que este ano se presentaron 2.100 solicitudes e das que só 50 finalmente a conseguiron. Un deles foi Pablo del Pino González de la Higuera (Sevilla, 1977), investigador Ramón y Cajal adscrito ao Departamento de Física da Materia Condensada e ao CIQUS da USC, onde lidera o grupo BioNanoTools, que conta cun perfil multidisciplinar no ámbito da nanobiotecnoloxía, que abarca desde a síntese de materiais ata a consecución de probas de concepto en terapias avanzadas.
Pablo del Pino, que conseguiu a axuda na categoría de Ciencias Básicas, centrarase en desenvolver unha nova xeración de nanomedicinas teranósticas con capacidade de “escapar” do sistema inmunolóxico. Aínda que a nanotecnoloxía nos achega ao concepto de administración de fármacos ‘ intelixentes’, a inmensa maioría dos nanosistemas actuais teñen moi baixa especificidade in vivo. Por exemplo, independentemente da estratexia de vectorización –activa (p.ex. anticorpos) ou pasiva (efecto EPR, do inglés enhanced permeability and retention)– máis do 99% das nanopartículas administradas in vivo son secuestradas polos macrófagos, unhas células do sistema inmunitario, e acaban acumulándose no fígado e no bazo.
A innovación deste proxecto baséase na fabricación de nanocápsulas multifuncionais biomiméticas (con propiedades funcionais derivadas de células nai mesenquimais), que poderán ser monitorizadas in vivo por técnicas de imaxe non invasivas. Poderase así administrar fármacos intelixentes de forma segura e eficiente, evitar a súa acción en células sas e minimizar os seus efectos secundarios e a súa acumulación no organismo.
Ademais, como parte do proxecto inclúese unha proba de concepto na que se realizarán estudos de biodistribución nun modelo animal de isquemia cerebral, en colaboración co Laboratorio de Investigación de Neurociencias Clínicas (LINC) do Hospital Clínico Universitario de Santiago de Compostela.
Convocatoria altamente competitiva
Cada unha das áreas da convocatoria contou cunha comisión avaliadora formada por expertos de primeiro nivel que valoraron a traxectoria do solicitante e o interese e orixinalidade do proxecto presentado. No caso da do investigador do CiQUS da USC, formaron parte Francisco Marcellán, catedrático de Matemáticas da Carlos III de Madrid; Ana Carmen Albéniz, catedrática de Química Física e Química Inorgánica da Universidade de Valladolid; Gerardo Delgado-Barrio, director do Instituto de Física Fundamental (CSIC); Joan Elías García, catedrático de Matemáticas da Universitat de Barcelona (UB); Isabel Fernández Delgado, profesora do Departamento de Matemática Aplicada I da Universidade de Sevilla; Antonio Hernando Grande, director do Instituto Universitario de Magnetismo Aplicado da Complutense de Madrid; Cayetano López, catedrático de Física Teórica da Autónoma de Madrid; Susana Marcos Celestino, profesora de investigación do Instituto de Óptica Daza de Valdés (CSIC); María Teresa Moreira Vilar, catedrática de Enxeñaría Química da USC; Marta Sanz-Solé, catedrática de Matemáticas e Ciencias Computacionais da UB; Leticia Tarruell, líder do Grupo Junior do Institut de Ciències Fotòniques da Politècnica de Catalunya; e María Dolores Ugarte, catedrática de Estatística e Investigación Operativa da Universidade Pública de Navarra.
Os 50 seleccionados –só 2 co centro de traballo en Galicia– nesta convocatoria e os das dúas categorías que se resolverán en setembro, únense así á Rede Leonardo, formada dende 2014 por 176 investigadores e creadores cunha idade comprendida entre 30 e 45 anos.