Un investigador da USC foi recoñecido co premio anual da Real Sociedade Española de Química
O doutor en Química e investigador da USC Eugenio Vázquez Sentín vén de ser recoñecido co premio anual da Real Sociedade Española de Química pola súa traxectoria profesional. Trátase dun dos catro galardóns que esta institución concede cada ano aos investigadores noveles de toda España.
Para a concesión do premio a Eugenio Vázquez o xurado valorou o elevado número de publicacións científicas coas que conta, a consecución de proxectos de investigación do Ministerio e a súa estadía no Massachussets Institute of Technology, onde completou os seus estudos entre o ano 2001 e 2004.
Nese mesmo ano incorporouse ao equipo investigador da USC cun contrato Ramón y Cajal no Departamento de Química Orgánica que dirixe o profesor José Luis Mascareñas.
Vázquez Sentís desenvolve actualmente a liña de traballo coa que obtivo o doutoramento estudando o grupo de moléculas que interveñen co ADN. Xunto co resto do equipo, traballa no desenvolvemento de sensores fluorescentes para detectar, por unha parte, as secuencias do ADN e, pola outra, as proteínas que regulan o crecemento das células.
Trátase por tanto dun indicador das proteínas tumorais que axuda nas investigacións da loita contra o cancro, xa que a súa aplicación sería a construción de tests diagnósticos.