Ir o contido principal

Un investigador da USC, xunto a expertos británicos e holandeses, publican un artigo sobre a diabete 1 no 'The Journal of Clinical Investigation'

Trátase dunha das publicacións especializadas máis importantes do mundo polo seu índice de impacto

O investigador da USC Ruben Varela Calviño acaba de publicar, xunto a científicos de diversas universidades británicas e holandesas, un artigo na revista The Journal of Clinical Investigation, considerada entre as mellores publicacións especializadas do mundo atendendo ao seu índice de impacto.
A achega de Varela Calviño recolle o traballo realizado polo investigador nos últimos catro anos sobre a identificación de segmentos de proteínas recoñecibles polo sistema inmune dos diabéticos dependentes de insulina. A calidade do artigo mereceu a xuízo dos editores da revista un comentario específico.
A diabetes tipo 1, ou dependente de insulina, é unha enfermidade autoinmune mediada por unhas células, os linfocitos T CD4 e CD8, que se encargan de destruír de forma selectiva as células do páncreas que producen a hormona encargada de regular o nivel de glucosa en sangue, a insulina.
No traballo descríbese o descubrimento dun péptido derivado da pre-proinsulina (o precursor da hormona insulina) e que é recoñecido polos linfocitos CD8 (citotóxicos) nun 50% dos pacentes diabéticos que teñen unha molécula de histocompatibilidade que confire susceptibilidade a sufrir a enfermidade.
Segundo Rubén Varela, o traballo achega probas de que este péptido derivado dun segmento particular da pre-insulina é recoñecido na superficie das células que producen esta hormona, as células beta, de maneira que os linfocitos citotóxicos que recoñecen este segmento son capaces de eliminar de maneira selectiva estas células deixando intactas o resto de células, como as que producen glucagón.
Para o investigador, aínda máis importante é o feito de que as células que producen máis pre-proinsulina son as máis susceptibles fronte ao ataque dos linfocitos. Desta maneira, cando o ataque inicial do sistema inmunolóxico destrúe algunhas células beta, as células restantes teñen que suplir este descenso producindo máis insulina, converténdose en células máis susceptibles a ser recoñecidas e destruídas polos linfocitos citotóxicos que recoñecen este novo péptido.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 29.10.2008.