Ir o contido principal

Unha investigadora de Ciencias da Educación, premiada no maior congreso iberoamericano no ámbito da investigación educativa

A doutoranda Nerea Rodríguez-Regueira acadou o premio á mellor comunicación oral pre doutoral cun traballo sobre o libro de texto dixital

A doutoranda Nerea Rodríguez-Regueira acadou o premio á mellor comunicación oral pre doutoral no XVI Congreso Nacional e VII Congreso Iberoamericano de Pedagoxía (SEP), o maior encontro iberoamericano que ten lugar no ámbito da investigación educativa e que nesta edición se celebrou na Complutense de Madrid. Nesta categoría, Nerea Rodríguez resultou premiada de entre un total de preto de mil comunicacións presentadas. En 2016, o congreso buscaba reunir persoal investigador da educación e a pedagoxía, mestres/as, educadores/as sociais e aos diversos profesionais do mundo educativo para reflexionar xunto sobre “Democracia e educación no século XXI’.

A comunicación de Nerea Rodríguez levaba por título ‘O libro de texto dixital, ¿algo máis que unha moda? Unha mirada cara os últimos avances e investigacións’ e presentou unha revisión dos antecedes de investigación sobre o libro de texto en perspectiva internacional dende os últimos sete anos ata a actualidade. Este revisión organizouse arredor de catro temáticas principais: o uso destes materiais e a súa implicación na aprendizaxe do alumnado, a proliferación de librarías e plataformas dixitais que os albergan, as implicacións económicas das profesións asociadas á industria editorial e as perspectivas de futuro.

Esta reflexión sobre o material escolar forma parte da tese que a doutoranda realiza na actualidade co título ‘O libro de texto dixital a análise. Un estudo descritivo e interpretativo das súas características e o seu uso nas aulas galegas’ e dirixida polo profesor Jesús Rodríguez, da Facultade de Ciencias da Educación. Con este traballo de doutoramento Nerea Rodríguez pretende realizar unha avaliación dos diversos libros de texto dixitais empregados nas escolas co fin de estimar a súa calidade. Outro obxectivo será analizar en que medida o libro de texto dixital está supoñendo cambios significativos na práctica docente ou se, “polo contrario, a súa incorporación as aulas está contribuíndo a continuar lexitimando o poder deste material educativo”, explica a investigadora.

Ligazóns relacionados:

Os contidos desta páxina actualizáronse o 19.07.2016.