Unha investigadora do CiMUS entre as sete axudas concedidas pola British Spanish Society
Sheila Barrios, investigadora predoutoral do CiMUS no grupo liderado pola profesora Noemi Csaba, recolleu recentemente a acreditación que avala a súa proposta como beneficiaria das Axudas BSS-Santander Universidades 2019, unha iniciativa internacional promovida pola British Spanish Society e o programa Santander Universidades. A nova axuda, entregada nunha cerimonia celebrada na Embaixada de España en Londres, está dotada con 5.000 libras esterlinas e permitirá avanzar na colaboración que o grupo mantén na actualidade co equipo do Profesor Cameron Alexander, da Universidade de Nottingham.
Esta investigación conxunta, desenvolvida en España nos laboratorios do grupo 'Natural Polymers and Biomimetics', aborda o uso de nanopartículas poliméricas para crear vehículos transportadores de xenes, co obxectivo de que axuden a tratar o glioblastoma multiforme. Unha estratexia da que xa teñen xurdido avances moi prometedores, como demostra a recente publicación de resultados na nova revista insignia da editiorial Wiley, ‘Advanced Therapeutics’.
Tender pontes desde o coñecemento
A British Spanish Society é unha organización benéfica rexistrada, cuxos obxectivos son promover a amizade e o entendemento entre os cidadáns de Gran Bretaña e España a través do coñecemento dos costumes, o idioma, as institucións, a historia e a forma de vida de cada un dos países. Trátase dunha organización non política, cuxa membresía está aberta a calquera persoa interesada en España e a súa cultura.