Unha investigadora do Departamento de Fisioloxía participa no equipo internacional que describe o xenoma nuclear da carracha Ixodes scapularis
A investigadora do Departamento de Fisioloxía Marta Tojo Castro forma parte do equipo internacional que describe o xenoma nuclear da carracha Ixodes scapularis, unha especie que transmite patóxenos causantes de diversas enfermidades e que se atopa entre as especies que transmiten unha diversidade de enfermidades infecciosas maior que calquera outro grupo de artrópodos que se alimentan de sangue.
Como se sinala no artigo publicado este mesmo martes na revista Nature Communications, as enfermidades transmitidas por carracha están asociadas cunha alta morbilidade e miles de humanos e animais mortos anualmente. O achado deste equipo internacional abre novas vías para combater as enfermidades transmitidas por estes parasitos. O labor de Marta Tojo foi identificar familias novas de elementos transpoñibles no xenoma de Ixodes, unha das cales recibirá logo deste achado a denominación de Toxo, en alusión ao apelido da investigadora.
A especia de carracho analizado, a Ixodes scapularis, é un axente transmisor de patóxenos asociados, entre outras, a enfermidades emerxentes como a de Lyme (a doenza transmitida por carracha máis común en Europa e Estados Unidos), a anaplasmose granulocítica humana (HGA), a babesiose ou a encefalite transmitida por carrachos. Como explica o equipo de investigadores, dado que é o primeiro e único xenoma ensamblado deste parasito dispoñible ata o momento constitúe unha valiosa referencia para as análises de xenómica comparativa. O estudo levouno a cabo un consorcio internacional formado por 93 científicos, incluíndo once de diversas institucións científicas españolas.