Ir o contido principal

Unha investigadora do grupo ANTE recibe o premio Eliana Caraball do Colexio de Arquitectos de Chile

Maricarmen Tapia Gómez (dereita) está vinculada ao departamento de Xeografía da USC. FOTO: Colexio de Arquitectos de Chile
Maricarmen Tapia Gómez (dereita) está vinculada ao departamento de Xeografía da USC. FOTO: Colexio de Arquitectos de Chile
Maricarmen Tapia Gómez, directora da revista ‘Crítica Urbana’, foi distinguida “polo seu traballo e rol social” xa que constitúe “un exemplo para lograr espazos de igualdade na sociedade e no mundo”
Santiago de Compostela

A investigadora do grupo de Análise Territorial (ANTE) da USC, Maricarmen Tapia Gómez, acaba de ser recoñecida no marco dos galardóns que outorga o Colexio de Arquitectos de Chile. Tapia Gómez foi distinguida co premio Eliana Caraball “polo seu traballo e rol social” xa que constitúe “un exemplo para lograr espazos de igualdade na sociedade e no mundo”. Deste xeito, o Colexio destaca o traballo que esta investigadora desenvolve á fronte da revista Crítica Urbana da que é directora e que co-edita o grupo ANTE do Instituto de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (IDEGA) da USC.

A revista comezou a súa andaina en 2018 e conta xa con 24 números publicados. Defende unha interpretación da cidade actual novidosa e alternativa, abordando temas sempre suxestivos como a política da cidade, o urbanismo feminista, os espazos públicos, ou o dereito á vivenda, entre outros aspectos. Ademais, a iniciativa Crítica Urbana está a construír un arquivo de entrevistas gravadas a persoal experto e investigador do fenómeno urbano do presente.

Maricarmen Tapia Gómez está vinculada ao departamento de Xeografía da USC e pertence á área de Análise Xeográfica Rexional. Esta investigadora postdoutoral galego-chilena pertence ao grupo que dirixe o catedrático da USC, Rubén Lois. ANTE constitúe un equipo interdisciplinario de persoal docente e investigador da USC formado por especialistas en xeografía, economía e historia. Ten o recoñecemento de Grupo de Excelencia Investigadora polo seu dinamismo e colaboración con outras entidades, tanto universitarias, centros tecnolóxicos e centros de estudos non universitarios como entidades locais, empresas ou asociacións.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 02.09.2022.