Unha investigadora italiana estuda o proxecto www.granxafamiliar.com
A investigadora da Universidade de Calabria Sonia Angelisi está a analizar o proxecto www.granxafamiliar.com na súa tese de doutoramento coa intención de comprobar como o comportamento dos consumidores está asociado a unha conciencia inspirada nos valores ecolóxicos e de solidariedade e non unicamente a aspectos económicos. Na súa hipótese de traballo, a investigadora aposta por demostrar como o impacto dos consumidores individuais no sistema de relevancia socio-económica “leva ás persoas a manter relacións sociais que permiten o intercambio de información e valores”. Este intercambio de puntos de vista constitúe, segundo a investigadora, a base para a reprodución da sociedade, impregnada de novos valores. Sonia Angelisi analizará de xeito comparativo os proxectos www.granxafamiliar.com e www.campagnamica.it. O primeiro xurdiu dunha idea do grupo de investigación GIS-T do Idega da USC coa vontade de crear unha relación de venta directa entre produtores e consumidores a través do uso dun instrumento innovador como é a web. Combinando tradición e innovación, granxafamiliar.com axunta calidade e autenticidade dos produtos, venda a un prezo xusto, eliminación dos intermediarios ou a protección do territorio e a revitalización das zonas rurais, entre outros obxectivos. Pola súa banda www.campagnamica.it pretende garantir a trazabilidade dos alimentos dende a súa orixe e ao longo da cadea de produción. É un proxecto italiano que reúne e amplía detalladamente todas as iniciativas de Coldiretti para promover, desenvolver e mellorar a calidade dos produtos locais de Calabria e o seu vínculo coa historia, a cultura e as tradicións locais.
Esta liña de colaboración está incluída no marco das relacións académicas entre o GIS-T do Idega e a Escola de Doutoramento de Coñecemento e Innovación para o Desenvolvemento André Gunder Frank da Universidade de Calabria. O proxecto de investigación no que se inserta esta tese céntrase nos cambios de estilo de vida e o consumo, con especial referencia ao consumo crítico.