Unha investigadora da USC recompila nun volume a memoria visual de Pontevedra
367 páxinas e máis de 200 imaxes sobre a historia urbana da cidade do Lérez conforman a publicación Pontevedra, la memoria rescatada. Vistas y visiones de una ciudad atlántica que este xoves a súa autora, a doutora pola USC e membro do grupo Iacobus Carla Fernández, presentou na Facultade de Xeografía e Historia diante de numeroso público.
A investigadora dedicou catro anos á súa tese doutoral, que lle dirixiu o profesor da USC Juan Monterroso, na que estudou as poboacións marítimas do noroeste peninsular a través das súas representacións plásticas. A parte dedicada a Pontevedra, enriquecida con testemuñas gráficas de museos, arquivos e coleccións particulares, é a que hoxe se presenta.
O libro, editado pola Deputación de Pontevedra, reconstrúe a través de multitude de imaxes a memoria visual de Pontevedra e ofrece unha análise detallada das representación plásticas que tiveron como tema os seus edificios e lugares máis emblemáticos. Presenta tamén un estudo da documentación alusiva ao patrimonio conservado e ao xa desaparecido.
Ao longo dos diversos capítulos a súa autora convida a que o lector se aproxime á paisaxe de Pontevedra, reflexionando sobre as relacións e vínculos que unen o home á cidade. Así, analízase a evolución de edificios tan destacados como o convento de Santo Domingo, o de San Francisco ou a igrexa de Santa María, e profúndase noutros que, pese ao seu carácter singular, foron demolidos, como as Torres Arzobispais, o hospital de San Juan de Dios ou a muralla.
En definitiva, como manifesta Carla Fernández, as numerosas imaxes incluídas no libro e custodiadas en diversos museos e arquivos nacionais “axudan a entender mellor Pontevedra e pretenden incrementar o respecto cara todo o seu legado urbano”.
Na presentación en Santiago participaron ademais o deputado de Cultura e Lingua da Deputación de Pontevedra, Xosé Leal Fariña; o decano da Facultade, Francisco Ramón Durán Villa, e o coordinador do grupo Iacobus, Juan Manuel Monterroso Montero.