Ir o contido principal

Unha investigadora da USC revela que os ponis salvaxes e os corzos son as principais presas da poboación de lobos en Galicia

A tese de doutoramento da enxeñeira de Montes viguesa Laura Lagos apunta unha progresiva diminución de équidos salvaxes no monte galego nas últimas décadas

Os ponis salvaxes e os corzos constitúen as principais presas da poboación de lobos que habita os montes de Galicia, segundo conclúe a tese de doutoramento defendida na Universidade de Santiago de Compostela pola enxeñeira de montes Laura Lagos Abarzuza, que tamén destaca na súa investigación a particular relación ecolóxica existente entre o lobo e os ponis salvaxes, xa que a coexistencia destas dúas especies é pouco habitual e localízase fundamentalmente nos montes da Península Ibérica e en Mongolia.

A importancia dos ponis salvaxes e do corzo na dieta do lobo adquiriu máis importancia a partir de 2003, segundo apunta a investigadora, que relaciona a posible redución de carroña coa implementación de medidas sanitarias logo da aparición da Encefalopatía Esponxiforme Bovina. Outra das achegas feita por Laura Lagos é a localización da depredación de poldros no verán e no outono, mentras que no resto do ano os lobos consumen animais adultos mortos. A tasa reprodutora dos ponis salvaxes dos montes do centro da dorsal galega é semellante á doutras especies silvestres, segundo apunta Laura Lagos, quen tamén conclúe que o efecto depredador do lobo foi a principal causa de morte dos poldros de menos de oito meses. Os efectos depredadores do lobo no afectan, por contra, aos équidos salvaxes de máis de oitos meses, quizais, segundo suxire esta investigadora, porque xa teñen aprendida unha resposta antidepredatoria. A tese de doutoramento desta investigadora viguesa, desenvolvida baixo a dirección do catedrático da Universidade de Santiago de Compostela, Manuel Sanmartín Durán, co título ‘Ecoloxía do lobo (Canis lupus), do poni salvaxe (Equus ferus atlanticus) e do gando vacún semiextensivo (Bos taurus) en Galicia: interaccións depredador-presa’, mereceu a cualificación de apto cum laude por parte do tribunal da tese, presidido polo catedrático do Departamento de Microbioloxía e Parasitoloxía da USC, Florencio Martínez Ubeira. O tamén profesor da USC Jesús Domínguez Conde; o profesor da Escola de Enxeñaría Forestal Universidade de Vigo Enrique Valero; Paulino Fandos Paris, da Junta de Andalucía, Alexandre Nuno Vaz Baptista, do Instituo Politécnico de Viana do Castelo, completaron a formación do tribunal. Investigación novidosa O traballo de doutoramento da investigadora Laura Lagos acada se cabe maior relevancia por tratarse do primeiro estudo sobre a ecoloxía dos ponis salvaxes de Galica que aborda aspectos sobre a súa ecoloxía reprodutora, a súa estrutura social e especialmente a relación depredador-presa entre os lobos e estes équidos. De feito, cómpre lembrar que a relación ecolóxica entre os lobos e os cabalos en liberdade é un tema descoñecido no plano científico, xa que a coexistencia de ambas especies é pouco habitual. A enxeñeira de Montes Laura Lagos, egresada da Escola Politécnica Superior do campus de Lugo, baseou a súa investigación sobre a ecoloxía trófica do lobo na análise de miles de mostras de excrementos de lobo localizados en tres sectores distintos da xeografía galega: Val do Eume e norte da dorsal galega, centro da dorsal galega e suroeste dos macizos centrais de Ourense. Nas dúas primeiras áreas xeográficas sinaladas, o poni salvaxe é a principal presa do lobo, mentres que o corzo cumpre este cometido no caso dos montes centrais de Ourense. O estudo de campo sobre a ecoloxía dos ponis salvaxes e do gando vacún que se atopa en réxime semiextensivo desenvolveuse nos montes e nalgunhas explotacións gandeiras localizadas nos concellos de Curtis, Sobrado dos Monxes, Guitiriz, Friol, Muras e Xermade, segundo relatou Laura Lagos, quen pon de manifesto a importancia dos ponis salvaxes na alimentación do lobo, o que explica, cando menos parcialmente, o alto impacto depredador que sofren os poldros salvaxes en comparación cos tenreiros de explotacións de vacún de carne que se atopan en réxime extensivo ou semiextensivo nas áreas de estudo antes citadas.

Respecto dos efectos depredadores do lobo sobre a poboación de gando vacún, Laura Lagos determina no seu traballo qué características das explotacións gandeiras poden condicionar a súa vulnerabilidade á depredación do lobo, unha análise necesaria para explicar as razóns polas que unhas explotacións eran vítimas de ataques e outras, localizadas nas súas inmediacións, non. Ademais, esta información tamén se antolla de especial interese para poder extraer recomendacións e pautas orientadas a minimizar os danos mediante un axeitado manexo do gando.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 30.04.2013.