Ir o contido principal

A investigadora da USC Sandra Domínguez diserta nunha conferencia sobre a colaboración de Valle-Inclán na revista 'El Gran Bufón'

A investigadora da Cátedra Valle-Inclán da USC, Sandra Domínguez, participa este mércores 29 no ciclo ‘Valle-Inclán en Compostela’ cunha nova achega sobre a figura do autor galego, neste caso as colaboración do escritor na revista El Gran Bufón. Semanario Ilustrado de humorismo (1912-1913).
A conferencia ‘Valle-Inclán visto pola prensa modernista: o caso do gram bufón sitúase no marco da edición e o estudo dunha das revistas que forma parte do amplo panorama das publicacións periódicas literarias de principios do século XX. De grande interese pola súa calidade artística e pola ampla nómina dos seus colaboradores, entre os que se atopan figuras como Castelao, esta revista madrileña dá cabida a un dos escritores máis importantes do momento, Valle-Inclán, que aínda que non asinou ningunha colaboración propia, converterase no escritor máis destacado da publicación.
Segundo a investigadora da USC, o tratamento dado á súa figura e á súa obra en El gran Bufón, a máis dos paralelismos estéticos e ideolóxicos entre o semanario e o autor das Sonatas, constitúe o tema central da conferencia. A sesión celebrarase a partir das 19:30 horas na sede da Fundación Granell, organizadora do ciclo xunto co Museo Valle-Inclán da Pobra do Caramiñal.
Sandra Domínguez é investigadora da cátedra compostelá e profesora no IES Fin do Camiño de Fisterra. Ademais é colaboradora da revista Cuadrante de estudios valleinclanianos e colaboradora do Anuario Valle-Inclán / Anales de la Literatura Española Contemporánea.Tamén é coautora da edición facsímil de La joven Galicia (2002) e da monografía Valle-Inclán, Director de la Academia de Roma (1933-1936): estudio e documentación. Ten publicado varios artigos sobre a grande actriz de teatro Josefina Blanco e sobre a revista El Gran Bufón sobre a que realiza a súa tese de doutoramento.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 28.10.2008.