Ir o contido principal

Investigadoras do grupo NeurObesidad demostran que o hipotálamo regula a produción de graxas no fígado

Foto montaxe do grupo de NeurObesidad. de esquerda a dereita; arriba: Tania López, Ismael González, Noelia Martínez, Patricia Seoane e Cristina Contreras; abaixo: Eva Rial e Laura Liñares
Foto montaxe do grupo de NeurObesidad. de esquerda a dereita; arriba: Tania López, Ismael González, Noelia Martínez, Patricia Seoane e Cristina Contreras; abaixo: Eva Rial e Laura Liñares
Grazas a este achado conseguiron que un rato modificado xeneticamente perdera peso sen alterar a cantidade de alimento inxerido

Investigadoras da USC acaban de comprobar cun rato modificado xeneticamente que é posible perder peso sen variar a cantidade de comida inxerida. Nun traballo publicado na revista Cell Metabolism Noelia Martínez Sánchez e Patricia Seoane Collazo, do grupo de NeurObesidade da USC, describen por vez primeira o mecanismo molecular que explica cientificamente este novo paso fronte á obesidade.

As investigadoras demostraron que o hipotálamo regula integramente o metabolismo lipídico corporal, é dicir, a produción de graxas no fígado. En concreto, o grupo da USC demostra que as hormonas tiroideas, actuando directamente no hipotálamo, promoven a produción de graxas no fígado. Estas graxas serían “enviadas” a través da circulación sanguínea ao tecido adiposo pardo onde se “ queiman”, aumentando o gasto calórico. A graxa parda é aquela que non almacena lípidos (ao contrario que a graxa branca), senón que os “queima” para obter enerxía que, á súa vez, se disipa en forma de calor.

Ratos modificados
Ademais da identificación deste mecanismo, igualmente novidoso é a forma de constatalo xa que as investigadoras do grupo da USC xeraron por vez primeira un rato deficiente na proteína AMPK (AMP-activated protein kinase) nas súas neuronas do hipotálamo. A importancia desta proteína, involucrada nos primeiros pasos da produción de lípidos, radica na súa sensibilidade a calquera variación nos niveis enerxéticos da célula e o organismo.

Na investigación tiveron especial protagonismo ratos xeneticamente modificados nos que se eliminou a proteína AMPK selectivamente nunhas poucas neuronas dunha rexión hipotalámica. As investigadoras corroboraron que estes animais, comparados con outros sen manipular, presentan un menor peso corporal por unha maior activación da graxa parda sen que se teña producido variación algunha no volume de alimento inxerido. A conclusión, en palabras de Noelia Martínez e Patricia Seoane, “perden peso comendo o mesmo”.

A función coordinadora do hipotálamo
Na base deste mecanismo atópase a función do hipotálamo, unha zona do cerebro que regula o estado enerxético de todo o organismo. As hormonas tiroideas actúan no hipotálamo modulando diversas vías moleculares, a máis importante delas a regulada pola proteína AMPK, aclaran as investigadoras. As doutoras Martínez Sánchez e Seoane Collazo, mediante diversos estudos farmacolóxicos e xenéticos, demostraron que as hormonas tiroideas inhiben a función de AMPK nunha poboación específica de neuronas hipotalámicas “o que activa dúas rutas moleculares que regulan a función do fígado e da graxa parda, respectivamente”.

Estes datos explican o interese que o tecido adiposo pardo esperta como posible diana terapéutica no tratamento da obesidade. Aínda que Noelia Martínez e Patricia Seoane lembran que “ aínda resta moito camiño por andar”, o mecanismo descrito abre unha nova vía no tratamento de enfermidades metabólicas, porque ata agora, como elas mesmas explican, non existían datos que vinculasen a acción central das hormonas tiroideas coa función hepática.

Starting Grant
A investigación conta con financiamento do programa Starting Grant do European Research Council e toma en consideración estudos previos liderados polo investigador Miguel López desenvolvidos no Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas da USC (CiMUS) e que tamén se integran no Centro de Investigación Biomédica en Red-Fisiopatología de la Obesidad e Nutrición (CIBERobn).

Ademais, o proxecto foi financiado pola Consellaría de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, o Ministerio de Economía, Industria e Competitividade e Atresmedia. O traballo recolle as respectivas teses de doutoramento das investigadoras, dirixidas por Miguel López e Carlos Diéguez. Noelia Martínez Sánchez atópase dende o pasado ano realizando os seus estudos posdoutorais no Instituto Gulbenkian de Ciência de Lisboa, financiada por un contrato posdoutoral da Xunta de Galicia.

Ligazóns relacionados:

Os contidos desta páxina actualizáronse o 10.07.2017.