Investigadoras da Unidade de Atención Temperá presentaron en Portugal unha ferramenta adaptada para a detección de dificultades de aprendizaxe nese país
A profesora María José Buceta, directora da Unidade de Atención Temperá e membro do grupo de investigación Esculca, e a investigadora e doutoranda da Facultade de Ciencias da Educación Cristina Rubianes presentaron unha ferramenta adaptada ao portugués para a detección de dificultades de aprendizaxe no transcurso da conferencia anual ECER 2014 que a Asociación Europea de Investigación Educativa celebrou na localidade portuguesa de Porto. O cuestionario, aplicado en diferentes centros educativos de Lisboa entre máis de 130 estudantes de 8 a 18 anos, permite crear una ferramenta "doada e rápida" para a detección de trastornos específicos de aprendizaxe, que será útil para o traballo dos profesionais que se dedican ao diagnóstico e intervención neste tipo de trastornos e que, ante os bos resultados desta primeira experiencia portuguesa, Buceta e Rubianes recomendan facer extensivo a máis localidades lusas. Participación de Esculca
A presentación desta ferramenta está enmarcada en ECER 2014, a reunión anual da Asociación Europea de Investigación Educativa que serve de punto de encontro da comunidade da investigación educativa nun momento no que esta especialidade está a afrontar importantes retos. Ademais de María José Buceta e Cristina Rubianes, participan no encontro varios representantes do grupo de investigación Esculca, encabezados polos profesores Miguel Santos e Mar Lorenzo Moledo.