Investigadoras da USC realizarán unha estadía no National Institute on Drug Abuse, centro pioneiro na investigación sobre drogas de abuso
Investigadoras formadas no Servizo de Toxicoloxía Forense do Instituto Universitario de Medicina Legal da Universidade de Santiago de Compostela realizarán unha estadía posdoutoral no National Institute on Drug Abuse (NIDA) and Johns Hopkins Bayview Medical Center’s Institutional Review Boards de Baltimore (USA), baixo a dirección da científica Marylin Huestis.
Durante 2008 Marta Concheiro e Ana de Castro desenvolverán nos centros estadounidenses un proxecto sobre validación de métodos analíticos en Cromatografía de Líquido Espectrometría de Masas e Masas aplicada a matrices biolóxicas complexas (cordón umbilical, placenta e meconio). Esta investigación aplicarase á detección de drogas de abuso e fármacos.
Marta Concheiro e Ana de Castro, que se incorporan esta semana aos novos laboratorios do NIDA na cidade de Baltimore, son doutoras pola USC e formadas no grupo de Toxicoloxía Forense do Instituto compostelán liderado polos profesores Rivadulla e Cruz. O traballo destas investigadoras, que desembocou nas súas teses de doutoramento, foi un dos principais motivos que levaron ao grupo da doutora Huestis a considerar a súa candidatura.
O NIDA, pioneiro na investigación sobre drogas de abuso, permitiralles completar a súa formación posdoutoral asistindo regularmente a seminarios e talleres que se programan de forma regular.